A natureza

A partir de 1960, González Pascual comeza unha etapa de madurez na súa obra, iniciando un proceso de evolución independente.

O feito de coñecer outros lugares durante a súa etapa de xuventude, permitiulle comprender o que o autóctono ten de universal, e sobre todo, afianzar o seu sentimento de pertenencia a un lugar, a Galicia. Por iso, unha das temáticas protagonistas durante este período é a natureza, en concreto a través da representación da paisaxe galega. Deste xeito, responde á un dobre afán: por un lado, plasma o seu gozo persoal ao contemplar a paisaxe e, ademais, pinta Galicia.

No ano 1963 constrúe unha casa xunto ao río Mera, en Ortigueira, converténdose nunha completa inspiración para a súa obra. Aínda que non pinta do natural, cos seus bosquexos e obras finalizadas no seu estudo, asume o reto de pintar Galicia a través dos seus montes redondos, poderosos, contemplados desde unha perspectiva aérea. Todos eles formando grandes masas escuras onde o negro é o protagonista.

monte pascual

Silvao, 1974 - Colección particular. 

A paisaxe supón un campo de experimentación para González Pascual, unha paisaxe que se converte na única protagonista; xa que abandona a presencia de figuras e tamén da pegada humana, sen rastro de camiños, nin construcións.


 

“Hace años pintaba grandes montes. Luego fui bajando y llegué a los troncos de los árboles, que son los que ahora hago. Pronto llegaré a la hierba y de hecho creo que ya estoy en ella. ¿Por qué elijo estos motivos concretos de la Naturaleza? No sé… no sé responderle a eso. Quizá obedezca a ese afán mío de penetrar más y más en la Naturaleza”.

(Declaración a El Ideal Gallego, 9-10-1974)

Tras deixar o negocio familiar en 1975 para centrarse plenamente na pintura, González Pascual comeza a tratar a árbore como elemento protagonista das súas obras. Esta etapa iníciase cos bosques, nos que se vai introducindo cada vez mais ata chegar a representar árbores en primeiro plano, árbores cortadas (toradas) ou raíces.

arbores

Eucalipto, 1975 - Colección particular.

toradas

Cepo, 1977 - Colección particular.


 

Progresivamente, vai dispoñendo os troncos das árbores coma se de naturezas mortas se tratasen, anunciando xa o bodegón, tema no que se centrará nos últimos anos da súa vida xunto coas escenas de interiores, recreando espazos repletos de luz. Os troncos e toradas pasan agora a formar parte de interiores domésticos, colocados enriba de diferentes mobles e superficies. 

pau manciñeira

Árbol de manciñeira, 1976 - Museo de Belas Artes da Coruña

"Se puede decir que el paisaje lo he reducido a bodegón. Es el bodegón del paisaje"

(Declaración a El Ideal Gallego, 16-11-78)


Outras temáticas: retrato, bodegón, estudo