Estamos ante unha serie rodeada de incógnitas. Nin a súa cronoloxía está pechada, nin o título, orde ou interpretación están claros. Podería tratarse dunha crítica social ou sátira política, aínda que outra puxante teoría exploraría a relación destas estampas coas tradicións carnavalescas do momento, entendendo esta festa como un período de permisividade e transgresión das paixóns humanas.

Goya dota ás escenas dunha dimensión universal e atemporal mediante a eliminación dos aspectos anecdóticos, imbuíndo ás figuras nun espazo que se aparta de toda concepción naturalista mediante o hermético e nocturno, onde a imaxe, conxelada e silenciosa, prevalece fronte á palabra. A expresividade dos seus rostros, case mascarada, avanza o estilo das Pinturas Negras como manifestación dun artista moderno no que prevalece o poder absoluto da imaxinación.

Entre os fondos do Museo de Belas Artes da Coruña figuran 18 das 22 que forman o conxunto. A serie foi doada ao Museo por J. M Pita Andrade en 1983 e corresponde a unha edición que a Real Academia de San Fernando realizou en 1923.