O roubo das táboas de Rubens
O 16 de setembro de 1985, na antiga sede do Museo de Belas Artes da Coruña, dúas táboas de Peter Paul Rubens —Dédalo e o minotauro e Psique— foron subtraídas durante o horario de apertura ao público. A súa desaparición provocou unha das investigacións máis destacadas da historia recente da arte en Galicia.

Peter Paul Rubens, Psique e Dédalo e o minotauro (ca. 1636). Museo de Belas Artes da Coruña
A orixe das táboas
Rubens (1577–1640), un dos grandes mestres do barroco europeo, foi autor dunha extensa e diversa produción. Entre os encargos máis relevantes da súa carreira destacou o realizado polo rei Felipe IV para a decoración da Torre de la Parada, un pavillón de caza situado preto de Madrid.
Entre 1636 e 1638, Rubens deseñou máis de sesenta escenas mitolóxicas para este proxecto, elaborando pequenos bosquexos sobre táboas de madeira que servirían como modelo para as versións finais executadas polos seus discípulos. Co paso do tempo, moitas destas obras espalláronse por museos de toda Europa e América: o Museo Nacional del Prado, o Patrimonio Nacional, os Musées Royaux des Beaux-Arts de Belgique, a National Gallery de Londres, o Art Institute of Chicago… e tamén o Museo de Belas Artes da Coruña, onde se conservan Dédalo e o minotauro e Psique.
Unhas obras moi viaxeiras
Durante a Guerra de Sucesión española (1710), a Torre de la Parada foi saqueada e incendiada, perdéndose gran parte das súas pinturas. Nese momento desaparece a pista dos dous bosquexos que hoxe pertencen ao Museo.
No 1895, Elvira Arévalo Gener, coruñesa residente en Madrid, légaas á Biblioteca do Consulado da Coruña coa intención de que pasen a formar parte dun futuro Museo de Belas Artes. A partir de 1946, as obras expóñense na antiga sede do Museo, onde permaneceron durante catro décadas.
O 16 de setembro de 1985, ambas as táboas foron subtraídas por un visitante durante o horario de apertura ao público. A desaparición provocou unha ampla investigación policial e o caso chegou a ser seguido pola Interpol.
A recuperación das pezas
Tres anos despois, en 1988, Dédalo e o minotauro reaparece no Museo Nacional de Suecia, cando un particular intenta autentificar a obra co propósito de vendela. A alerta dunha traballadora do museo permitiu identificar a táboa como unha das roubadas en A Coruña. A peza foi recuperada, aínda que o responsable non puido ser condenado por falta de probas directas do roubo.
Psique tardaría aínda varios anos en ser localizada. En 1991, foi detectada en Miami (Estados Unidos) no mercado negro de arte, ofrecida por un grupo vinculado ao crime organizado de Nicaragua. A investigación rematou cunha operación encuberta na que participou o historiador da arte Charles Scribner, quen confirmou a autenticidade da obra. O proceso concluíu coa recuperación da táboa e coa detención dos implicados.
As consecuencias
O roubo das dúas obras puxo de manifesto a necesidade de mellorar as condicións de conservación e seguridade do museo. En 1986, o Ministerio de Cultura asumiu a súa xestión e encargou ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto o proxecto dun novo edificio, o actual Museo de Belas Artes da Coruña, que abriu as súas portas en 1995.
Hoxe, as táboas de Rubens forman parte da colección permanente e son unha testemuña tanto da riqueza patrimonial do Museo como da súa historia recente.