Abelenda, Manuel
Manuel Abelenda Zapata (A Coruña, 1889 - Perillo, Oleiros, A Coruña, 1957). Comezou a pintar de forma autodidacta para posteriormente formarse na Escola de Artes e Oficios da Coruña, centro no que obtivo varios premios ao acadar as mellores cualificacións.
En 1908 recibe unha subvención do concello coruñés para continuar os seus estudos en Madrid e acudir á Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado. En 1911 entra na Academia do Círculo de Belas Artes de Madrid como alumno de honra. Foi discípulo do valenciano Muñoz Degraín, profesor de paisaxe que influíu definitivamente no seu modo de pintar.
Viaxa a Roma pensionado pola Academia de Belas Artes da Coruña. Pertenceu á xeración de 1916, denominada novecentista, sen identificarse co historicismo nin coas vangardas. Contribuíu á formación e á consolidación da arte galega dentro do rexionalismo artístico.
A súa temática predilecta era a paisaxe de Galicia, en todas as súas manifestacións, coa que procuraba estar en permanente contacto para captar os seus matices cambiantes. Tamén pintou bodegóns, retratos e temas costumistas, en escenas onde o dominio do debuxo é a base da figuración. Como pintor seguiu as liñas impresionistas.