Castelao

Rianxo (l)
-
1886
Buenos Aires
-
1950

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña, 1886 - Buenos Aires, 1950). Considerado como un dos pais do nacionalismo galego, cunha ampla formación, era un artista polifacético: debuxante, caricaturista, ilustrador, ademais de cultivar tamén a narrativa e a dramaturxia. Estudou medicina aínda que afirmaba: Fíxenme médico por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade.

En 1912 fai en Ourense a súa primeira exposición individual e pouco despois inaugura en Madrid a súa famosa mostra da sala Iturrioz. O Castelao político participa nas Irmandades da Fala desde o nacemento destas en 1916 e colabora na Nosa Terra, portavoz das Irmandades. En 1920 fúndase a revista Nós encargándose Vicente Risco da dirección literaria e Castelao da artística. A plástica facilitará a súa entrada na literatura con obras como Cousas da vida, Os dous de sempre ou Retrincos.

Coa chegada da República en 1931 e a fundación do partido galeguista, é elixido deputado pola provincia de Pontevedra e contribúe con numerosos mitins á consolidación do nacionalismo galego. Pero a reacción do goberno conservador motivou que Castelao fose desterrado a Badaxoz, volvendo despois a Pontevedra. Nos anos da guerra comprometeuse coa defensa da legalidade republicana e nesta época, a radicalización do sentimento patriótico en Castelao, plásmase nos álbums de guerra: Galiza mártir, Atila en Galiza, Milicianos, de gran difusión internacional. Desenvolveu unha actividade continua no exilio, trasládase a Cuba e desde alí a Nova York onde embarca para Buenos Aires, establecendo alí a súa residencia. Aquí coincide con moitos dos artistas que máis tarde se aglutinaron co nome de Os Novos, unha xeración renovadora que recibe as influencias de Castelao no referido a representar a Galicia desde imaxes reais e expresando o popular como identidade propia.

Como artista plástico, o debuxo foi o seu principal medio de expresión, unha técnica que plasmou en caricaturas, debuxos humorísticos e de denuncia social. Co paso dos anos, abandona o debuxo e a pintura por mor da súa cegueira e concéntrase na publicación da súa principal obra política, Sempre en Galiza.

Obras do/a autor/a