Colmeiro, Manuel
Manuel Colmeiro Guimarás (Chapa, Silleda, Pontevedra, 1901 - Salvaterra de Miño, Pontevedra, 1999). Con tan só 12 anos emigra a Bos Aires para reunirse cos seus pais. Alí comeza a súa formación na Academia de Belas Artes, que abandoa para formar un grupo de traballo con outros escultores e pintores. En 1926 regresa a Galicia e comeza a relación cos que, como el, formarán o grupo de Os Novos. Asiste aos faladoiros do café Español e o Derby en Santiago de Compostela. En 1928 recibe unha bolsa da Deputación de Pontevedra que lle permite viaxar a Madrid e Barcelona, lugares nos que realizará exposicións e se relacionará con importantes creadores e críticos.
O estalido da Guerra Civil provoca o seu regreso a Bos Aires, onde realiza exposicións e evoluciona a súa pintura, pois investiga e interésase pola paisaxe, o bodegón, explora a abstracción e a pintura mural, deixando algúns exemplos diso en Bos Aires. En 1949 vai a París, onde Colmeiro xunto a súa muller vivirán preto de corenta anos ata regresar a Galicia e falecer en 1999. Esta estancia supón un cambio na súa pintura, que pasa do marcado carácter basto cara a unha potenciación da luminosidade. Nas súas obras representa os quefaceres do campo: o traballo dos homes, as súas feiras e romarías, os obxectos humildes da vida cotiá (como o pan) ou as paisaxes. Ao redor dos anos trinta, a súa pintura defínese por unha tosquedade que reflicte a influencia do románico, vinculada a estética do granito e dá lugar a figuras hieráticas e monumentais. A súa principal inspiración atópase no mundo rural galego, na súa singularidade. Representa as paisaxes, as súas xentes, a súa luz.
Na súa pintura, a figura feminina conta cun importante simbolismo que o pon en relación co resto dos renovadores, a muller é esa muller campesiña e traballadora do mundo rural galego. Doutra banda, o pan está moi presente nos bodegóns que realiza pola súa dobre simboloxía, xa que é un alimento fundamental para os campesiños e é amasado precisamente polas mulleres, esas panadeiras que tamén forman parte do seu imaxinario. A luminosidade das súas obras atópase nas cores intensas que, en certo xeito, mostran unha influencia do fauvismo e doutras vangardas históricas europeas que puido coñecer durante a súa estancia en París.