Laxeiro
José Otero Abeledo (Laxeiro) (Don Ramiro, Lalín, 1908-Vigo 1996). Pasa a súa mocidade en Cuba, onde vai con 13 anos para reunirse co seu pai, alí traballa en diferentes empresas, sendo unha delas un taller de vidrarías. Regresa a Galicia en 1925 e traballa de barbeiro, ademais de colaborar con diversos xornais. En 1930 entra en contacto cos Renovadores, xa que coñece a Carlos Maside e a Luís Seoane, participando con eles en diferentes faladoiros. En 1931, solicita unha bolsa á Deputación de Pontevedra, que lle é denegada, polo que Lalín, a súa vila natal, concédelle a bolsa para ir estudar a Madrid, na Escola de Belas Artes de San Fernando. Despois da Guerra Civil, tras algúns anos de actividade expositiva decide marcharse, xa que Galicia quedaba illada de toda innovación artística.
Entre 1951 e 1964 vive en Bos Aires, un período que marcará a súa obra cun proceso de eliminación de elementos naturalistas, descompoñendo as formas figurativas, retorcéndoas e diseccionándoas nunha linguaxe que asume influencias do Picasso da década dos 30. Regresa a Galicia a principios dos anos setenta, onde permanece ata o seu falecemento en 1996. Na súa obra, soubo sintetizar a identidade cultural de Galicia coas correntes renovadoras das vangardas que percorreron o século XX. Desenvolve unha serie de temas inspirados en Galicia, cuestións antropolóxicas, contos e lendas, recreando universos máxicos e trasmundos populares. O seu estilo evoluciona do aspecto pétreo das primeiras obras, propio da influencia do románico e dos canteiros galegos, xunto co uso de tonalidades terrosas e negras e liñas curvas, cara a pinturas de liñas rectas e linguaxes abstractas.