Imaxe:

Un canal (Holanda)

Autores/as:
Cronoloxía:
1877[ca]-1884[ca]

Carlos de Haes de orixe belga trasládase a Málaga sendo aínda un neno, pero en 1850 con vinte e catro anos e en plena etapa de madurez formativa decide regresar a Bruxelas onde permanece durante cinco anos que serán esenciais para conformar o seu estilo posterior.

Alí, por unha banda, coñece o máis sinalado das vangardas europeas que se move entre París e Bruxelas e que estaba representado tanto polas paisaxes plenairistas pintadas, nos bosques de Fontainebleau, por artistas franceses do grupo de Barbizón (quen á súa vez coñecían e admiraban a pintura inglesa de John Constable). Como, pola contemporánea escola belga de Teuveren á que pertencía o paisaxista Joseph Quinaux que foi decisivo no modo de pintar do natural de Haes. Por outra banda, Haes tamén descobre e estuda a tradición paisaxista holandesa do século XVII podendo seguramente admirar paisaxes con arboledas, camiños e regatos de augas ensombrecidas por arboledas dos pintores Meindert Hobbema ou Jacob Van Ruisdael

Tanto esa tradición paisaxística como as vangardas conflúen nesa vontade por rexistrar con verosimilitude a fisonomía propia da terra, mostrar o país coa súa orografía e celaxes cubertos e tormentosos. Con toda esta bagaxe adquirida, Haes xa en España vai camiñar pola senda dese realismo rexistrando numerosas paraxes da xeografía peninsular e centrando especialmente o seu interese na captación dos seus efectos luminosos

Tras a morte da súa muller en 1876, abandona os fortes contrastes lumínicos xerados pola luz do sol meridional e viaxa a Francia e Holanda, onde o ambiente é máis agrisado e os ceos máis encapotados para centrar a súa atención en especial na captación deses efectos atmosféricos.

Esta obra da canal, realizada durante a súa viaxe a Holanda denota ese coñecemento de Haes das antigas paraxes holandesas, cos seus ríos ou canles de mansas augas, con pequenas barcas varadas nas súas beiras ou o frecuente merodeo de aves acuáticas. E, nesta obra fai uso, ademais, dun recurso moi recorrido por moitos artistas holandeses e de Barbizón como é o estudo da luz e os seus reflexos sobre a auga ou os efectos de sombreado xerados polas arboledas, tema sobre o que xa incidiu tamén o inglés John Constable ou que o francés Charles- Francois Daubigny plasma maxistralmente en paisaxes pintadas desde o seu bote sobre os ríos Sena ou Oise.

 

Folla técnica

Número de inventario:
32
Materia / Soporte:
Papel
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Autores/as:
Cronoloxía:
1877[ca]-1884[ca]
Clasificación:
Pintura
Iconografía:
Paisaxe
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (17/02/1928)
Historial:

Depositado polo desaparecido Museo de Arte Moderna, por R. O. 17-02-1928. Este cadro está enmarcado xunto con outras cinco obras con nº de inv. 33, 34, 35, 36 e 37.

EXPOSICIÓNS:
Ano 2014: Auga doce, Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 21-03-2014 a 14-09-2014.

Medidas:
Papel: Altura = 15 cm; Anchura = 39 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro