Lago Rivera, Antonio

Coruña (A) (m)
-
1916
París
-
1990

Antonio Lago Rivera (A Coruña, 1916-París, 1990). Comeza a súa formación na Coruña na Escola de Artes e Oficios, para continuala na de Bellas Artes de San Fernando en Madrid. Xa neste período realizaría as súas primeiras exposicións, na Coruña e Vigo, antes de ser bolseiro para ampliar estudos no Paular (Segovia) pola Deputación da Coruña e na Escola de Belas Artes de París en 1945. Finalizada a súa bolsa, continuará expoñendo durante os anos seguintes en Madrid e A Coruña, antes de regresar a París.

En canto á súa creación pictórica, Lago iniciarase por medio dunha figuración un tanto inxenua, cunha certa proximidade ao fauvismo no cromático. Nestes primeiros momentos creará toda unha serie de brillantes bodegóns, con delicadas transparencias, denotando un gran dominio técnico, imaxinando paisaxes inspiradas nos seus lugares de veraneo. Comeza con todo a afastarse da figuración naturalista por medio da cor: azuis fosforescentes, verdes, amarelos, en imaxes exóticas cara a mediados de século. Plasmará finalmente, a partir de 1951, abstraccións xeométricas, dun importante traballo cromático, obras que serán quizá as de maior recoñecemento internacional. Volverá de novo á figuración máis tarde, a partir de 1960, dun modo progresivo con temas de paisaxes, mariñas, espidos e paisaxes.