Rivas, Silverio

Ponteareas (l)
-
1942

Silverio Rivas Alonso (Ponteareas, Pontevedra, 1942). Comeza a traballar no taller de ebanistería do seu pai e en 1956 ingresa na Escola de Artes e Oficios de Vigo, participa na Bienal de Pontevedra en 1969 e alí coñece a Xoán Piñeiro con quen empeza a traballar. Bolseiro pola Deputación Provincial trasládase a Madrid para estudar na Escola de Belas Artes. Nas obras realizadas entre 1970 e 1977 móstrase influído por outros escultores: nun primeiro momento pola etapa abstracta de Xoán Piñeiro, e despois, polas novas correntes escultóricas que coñece na súa etapa madrileña, especialmente a través da súa relación con Paco Barón, un escultor que realizaba pezas móbiles en bronce articuladas en engrenaxes. Traballa algún tempo con el e xunto a el participa nas exposicións ao aire libre da praza da Princesa en Vigo. Nestes anos de formación, viaxa a París, desde 1979 permanece alí longas tempadas que alterna coas estancias no seu taller de Galicia. Orientado cara á abstracción realiza esculturas dunha concepción xeométrica que desenvolve en módulos ensamblados e pasa, a partir de 1975, ás formas bulbosas de poliéster coloreado, insistindo neste tipo de materiais de superficies puídas coas que tentea equilibrios de masas desde un núcleo interno cara ao seu desenvolvemento no espazo.

Quizá un dos feitos chave na súa traxectoria sexan as experiencias que, durante o ano 1976, leva a cabo no Laboratorio de Formas de Sargadelos sobre técnicas cerámicas e quizá tamén pola influencia de Barón, Silverio traslada á cerámica as súas formulacións e pasa a crear crear pezas articuladas e despregables no espazo. Parecidas formas desenvolvería na madeira e despois no bronce. Estas series que realizará ata mediados dos oitenta, proporciónanlle dous principios aos que será fiel: un, o que se refire á súa necesidade de abrir o material, outro que trata do xogo e a tensión de elementos contrarios. E iso tanto nos bronces articulados como nas formas estáticas da pedra. En 1986 establécese en Galicia, o seu interese pola pedra de granito e as pedras duras desde 1985 encamiñaralle cara a unha acentuación da xeometría, á valoración do baleiro e a un maior control dos efectos das texturas. Un dos exemplos máis emblemáticos será Porta do Atlántico dos anos noventa, na praza de América de Vigo.

Obras do/a autor/a