Imaxe:

Dédalo y el Minotauro

Autores/as:
Cronoloxía:
1636[ca]

Escena que representa a Dédalo con gorro vermello e cos útiles de arquitecto, un compás e unha escuadra, colgados da cintura, mostrándolle ao Minotauro o labirinto que aparece ao fondo. Segundo a mitoloxía grega, Dédalo, foi o hábil artesán que construíu para Minos, rei de Creta, o Labirinto para encerrar ao Minotauro. O episodio representado baséase na obra do poeta Ovidio, Metamorfose, sobre a construción do labirinto e foi recreado por Rubens de modo similar ao que se contempla nos Ovidios ilustrados, pero moi orixinal ao presentar a Dédalo ensinándolle o labirinto ao Minotauro en actitude amigable. O labirinto alude ao espazo representado como un recinto cun percorrido tortuoso e no que é imposible atopar a saída. O Minotauro, un ser con cabeza humana e corpo de touro, era fillo da raíña de Creta e do fermoso touro branco do que esta se namorou por intervención do deus Poseidón, como castigo por non acceder Minos a sacrificalo na súa honra. Durante anos moitos atenienses foron levados como tributo para ser alimento do monstro ata que un deles, Teseo, logrou matalo. O heroe puido saír do labirinto axudado por Ariadna, a filla do rei, que aconsellada por Dédalo usou a estratexia do nobelo de fío do que ela sostiña unha punta fóra. Por revelar este secreto Minos castigou a Dédalo a ser encerrado no recinto co seu fillo Ícaro.

Esta táboa do mesmo xeito que a titulada como Psique foi roubada na sede antiga do Museo no ano 1985 e recuperada despois en 1988 en Estocolmo.

É outro dos bosquexos preparatorios realizados para formar parte dun conxunto pictórico destinado a decorar a Torre da Parada en Madrid por encargo de Felipe IV. O proxecto decorativo deste palacete de recreo que se remodelou no século XVII foi un dos maiores encargos que Rubens recibiu de Felipe IV. O conxunto máis importante, formado por obras de tema mitolóxico e representacións de figuras alegóricas, inspirouse no seu maior parte na obra do poeta latino Ovidio, Metamorfose. Rubens inicia este proxecto decorativo en 1636 pintando aproximadamente sesenta e tres bosquexos ao óleo sobre pequenas táboas que plasmarían en lenzos definitivos el mesmo xunto con pintores do seu taller e outros artistas que traballaban en Anveres, entre 1636 e 1637, lenzos que despois serían enviados a España en 1638. A pintura definitiva deste bosquexo está perdida ou en paradoiro descoñecido.

Folla técnica

Número de inventario:
285
Materia / Soporte:
Táboa
Contexto cultural / Estilo:
Barroco
Autores/as:
Cronoloxía:
1636[ca]
Clasificación:
Pintura
Iconografía:
Figura antropomorfa
Mitolóxica
Sala:
Procedencia:
Asignación. Legado: Arévalo Gener, Elvira (17/08/1946)
Historial:

Foi legada ao Museo por Elvira Arévalo Gener segundo o seu testamento con data de 16 de agosto de 1893.
Xunto co outro bosquexo de Rubens (Psique) doado ao Museo, formaba parte da colección do Duque do Infantado e posteriormente da do Duque de Pastrana no século XIX (ALPERS, Sevtlana (1970), pp. 259, 197.)
Foi roubada en 1985 nas salas da sede anterior do Museo, a Casa do Consulado, e recuparada en Estocolmo en 1988.

EXPOSICIÓNS:
Ano 1990: Rubens: Dédalo e o Minotauro. Museo de Belas Artes, A Coruña, 4 de Maio-6 de xuño.

Medidas:
Con marco: Altura = 33 cm; Anchura = 23,5 cm
Táboa: Altura = 26 cm; Anchura = 16,5 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro

Multimedia

Video Url: