Imaxe:
El Berbés. Vigo
Folla técnica
Número de inventario:
679
Materia / Soporte:
Papel
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Cronoloxía:
1885[ca]-1940[ca]
Clasificación:
Artes Gráficas. Debuxo
Procedencia:
Depósito: Museo de Pontevedra (04/08/1947)
Historial:
O soporte de papel está superposto a un segundo soporte.
Medidas:
Papel: Altura = 209 mm; Anchura = 300 mm
Técnica:
Debuxo con lapis
Obxecto:
Debuxo
Ao redor de 1890 en Pontevedra existía un ambiente cultural que era propicio para o xurdimento de iniciativas como a de Casto Sampedro que funda en 1894 a Sociedade Arqueolóxica pontevedresa. A ela vincúlanse artistas como Alfredo Souto que chegaba por eses anos á cidade para desempeñar a súa carreira xudicial, e como artista amateur que era vai participar como debuxante na devandita Sociedade.
Quedan atrás as premisas románticas de Villaamil e, no imaxinario está máis próximo o interese pola recuperación de monumentos ou, os debuxos de paisaxes con referencias arqueolóxicas e debuxos para ilustracións litográficas de lugares con carácter divulgativo-documental.
Con este antecedente, é precisamente nesta área sureña onde nos atopamos con pinturas de paisaxes que transcriben retrincos dunha realidade inmediata poboada con arquitecturas de recunchos urbanos, prazas ou arredores ribeiregos nas que se intercala a figura humana e o traballo derivado da súa man. Pintores como Pradilla, Martínez Abades, Avendaño ou Alfredo Souto entre outros, serán os que deixen na súa obra a pegada desa identidade paisaxística local.
É este debuxo un esbozo do natural dun arco do Berbés en Vigo, en cuxa proximidade se adiviña a veracidade das súas dovelas graníticas e intúese unha estrutura asoportalada que cobre un tramo onde se pode captar ese instante preciso en que as canastras están baleiras, e que aluden ás faenas desenvolvidas nesa enxebre paraxe mariñeira viguesa, dándolle ao debuxo unha considerable carga de carácter sociolóxico e identitario. En certo xeito está na liña da obra de Avendaño ao captar un instante da cotidianeidade, pero diferénciase del por ser este un espazo desposuído de figuras humanas, silencioso e intimista só animado por unha figura infantil que habita con gran naturalidade a praciña alén do arco.