Imaxe:

Escribanía

Cronoloxía:
1835-1875

Escribanía con tinteiro e salvadeira en cor branca.

Recipiente: soportado sobre catro patas con forma de volutas, ten unha decoración labrada en relevo nas frontes e costados a base de motivos vexetais rodeando cartelas. Sobre estas, unha orladura corrida con follas dá paso á superficie superior lisa con concavidade central e bordos recortados formando ondulacións.

Salvadeira: perforada na parte superior, o corpo presenta formas curvas orixinadas a partir das robustas molduras que a rodean. No terzo superior quedan restos de decoración en dourado.

Tinteiro: presenta igualmente grosas molduras rodeando o perímetro así como restos de decoración.

Se temos en conta unha serie de aspectos como: a brancura, fineza, transparencia e brillo da pasta que conforma a peza, os restos de decoración estilizada e con fileteado, pintados en dourado sobre a salvadeira e tinteiro, e as marcas gravadas na base da salvadeira, fan pensar que se podería estar ante unha peza das últimas épocas aínda que realizada segundo moldes tomados de épocas anteriores, mesmo da louza branca tal como indica Filgueira Valverde nos seus Cadernos do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos.

Folla técnica

Número de inventario:
1057
Materia / Soporte:
Pasta cerámica
Aditivos
Verniz
Contexto cultural / Estilo:
Romanticismo
Cronoloxía:
1835-1875
Clasificación:
Louza
Obxectos de escritorio
Iconografía:
Vexetal
Procedencia:
Asignación. Compra: Galerías Goya (25/10/1949)
Medidas:
Escribanía: Altura = 9 cm; Lonxitude = 23 cm; Anchura = 16 cm
Salvadeira: Altura = 4,5 cm; Diámetro = 5,5 cm
Tinteiro: Altura = 4,5 cm; Diámetro = 5,5 cm
Técnica:
Moldeado (Cerámica)
Biscoitado
Vidrado
Obxecto:
Escribanía