Imaxe:
O Berbés. Vigo
Folla técnica
Número de inventario:
679
Materia / Soporte:
Papel
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Cronoloxía:
1885[ca]-1940[ca]
Clasificación:
Artes Gráficas. Debuxo
Procedencia:
Depósito: Museo de Pontevedra (04/08/1947)
Medidas:
Papel: Altura = 209 mm; Anchura = 300 mm
Técnica:
Debuxo con lapis
Obxecto:
Debuxo
Arredor de 1890 en Pontevedra existía un ambiente cultural propicio para o xurdimento de iniciativas como a de Casto Sampedro, que en 1894 funda a Sociedade Arqueolóxica pontevedresa. A ela vincúlanse artistas como Alfredo Souto que chega por eses anos á cidade para desempeñar a súa carreira xudicial, e como artista amateur vai participar como debuxante na devandita Sociedade.
Quedan atrás as premisas románticas de Villaamil e, no imaxinario está máis próximo o interese pola recuperación de monumentos ou, os debuxos de paisaxes con referencias arqueolóxicas e debuxos para ilustracións litográficas de lugares con carácter divulgativo-documental.
Con este antecedente, é precisamente nesta área onde nos atopamos con pinturas de paisaxes que transcriben retrincos dunha realidade inmediata poboada con arquitecturas de recunchos urbanos ou prazas nas que se intercala a figura humana e o traballo derivado da súa man. Pintores como Pradilla, Martínez Abades, Avendaño ou Alfredo Souto entre outros, serán os que deixen na súa obra a pegada desa identidade paisaxística local.
Este debuxo é un esbozo do natural dun arco do Berbés en Vigo, en cuxa proximidade se adiviña a veracidade das dovelas graníticas e intúese unha estrutura asoportalada na que se pode captar ese instante preciso en que as canastras están baleiras, como alusión ás faenas desenvoltas nesta enxebre paraxe mariñeira viguesa, dándolle ao debuxo unha considerable carga de carácter sociolóxico e identitario.