Imaxe:
O Cardeal
Folla técnica
Número de inventario:
6561
Materia / Soporte:
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Edad Contemporánea
Cronoloxía:
1916[ca]-1920[ca]
Clasificación:
Pintura
Procedencia:
Depósito Xunta de Galicia
Medidas:
Con marco: Altura = 239 cm; Anchura = 154 cm
Lenzo: Altura = 213 cm; Anchura = 127 cm
Lenzo: Altura = 213 cm; Anchura = 127 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro
O lenzo podería encadrarse no período no que Corredoyra se tralada a vivir a Santiago de Compostela onde a súa pintura tería gran éxito entre a burguesía e o clero. Instálase en Santiago desde 1916 ata 1922, ano no que inicia o percorrido artístico por varias capitais do continente americano.
Corredoyra inicia en Santiago unha etapa na que a singular estética que caracterizaba a súa pintura ata entón experimenta un cambio. Minora a corrente estética idealista-simbolista que potenciaba un alto sentido místico á súa pintura. Aínda que segue mantendo as influencias previas, increméntase o realismo no seu estilo, ademais de achegar un novo sentido da luz e da cor. Aínda que predominan os habituais tons ocres e negros da súa paleta, introduce o vermello nas vestiduras do cardeal. Usa esta cor como elemento da composición xa que o vermellón destaca polo contraste coa entoación escura do resto do cadro, e á vez reforza o rango e a esencia do personaxe principal. O uso dun foco de luz que ilumina as figuras manifesta o interese do pintor polos efectos da luz que lle permiten recrear as calidades e texturas que se observan no brillo sedoso da capa do cardeal.
Habitualmente Corredoyra destaca nos seus cadros a estrutura marcando un ritmo a través de formas xeométricas. Neste lenzo organiza a composición de forma piramidal coas tres figuras representadas: o cardeal sentado, o cóengo que porta no seu hábito a Cruz de Santiago na parte alta, e o monaguillo de perfil sostendo o libro. Un esquema compositivo que engrandece as figuras mediante un punto de vista baixo.
A escena non transmite unha idea de irrealidade, a disposición das figuras é realista e xa non fai uso dos característicos fondos imprecisos e sombrío que dispoñía a modo de escenario teatral que aquí substitúe por un fondo con decoración floral que crea o efecto de tapiz.
Lonxe de representar os personaxes coa expresión melancólica da etapa anterior, Corredoyra fai un estudo dos trazos fisionómicos e de caracterización psicolóxica dos retratados. Mantén a súa característica estilización e alongamento das mans como recurso expresivo que lembra ao Greco, pintor ao que Corredoyra achegouse estilísticamente.
En sintonía coa sobriedade que caracteriza a produción pictórica de Corredoyra, o Cardeal é mostrado con dignidade pero sen boato, con serenidade na expresión do rostro e naturalidade na postura.