Pintura galega do XIX e principios do XX
Na sala 5 preséntase a obra dos principais artistas do Rexionalismo, nados en Galicia nas últimas décadas do século XIX, que buscan a aproximación á cultura popular galega a través da paisaxe, as xentes e os costumes.
Un dos artistas galegos con estilo propio é Germán Taibo. Entre as súas obras destacan os retratos de mulleres núas, de gran soltura e elegancia; mais tamén os cadros de paisaxes, de solución impresionista moi luminosa, resultado da súa formación e vida en París.
Dentro do movemento rexionalista e dun novo modo de ver Galicia destacan dous xéneros como o retrato e a paisaxe. Nos retratos costumistas salienta a obra de Fernando Álvarez de Sotomayor, que aporta unha visión amable dos tipos populares. En canto á paisaxe, o máximo expoñente é Francisco Lloréns, cunha pintura ao aire libre, xogando coa luz, que recorda aos pintores mediterráneos como Joaquín Sorolla, presente tamén nesta sala. Xunto a Lloréns expóñense obras doutros paisaxistas galegos como Manuel Abelenda ou José Seijo Rubio. No eido da escultura, os mellores exemplos veñen da man de Francisco Asorey.
Completa a visión do século a obra de Xesús Rodríguez Corredoyra, que aporta unha alternativa vinculada ao simbolismo, evocando a autores como Valle – Inclán.
Por último, a muller comeza a ter cada vez máis relevancia, non só dende o punto de vista iconográfico, senón tamén como creadoras, salientando nomes como Julia Minguillón, María Roesset Mosquera ou Elena Olmos.