O folclore

Tradición - Oficio - Cancioneiro - Música - Baile - Artesanía - Oralidade - Rural

Podemos definir o folclore como o conxunto de costumes, crenzas, manifestacións artísticas e todo aquilo semellante de carácter tradicional e popular dun pobo. En Galicia, veu determinado pola idiosincrasia das súas xentes e a súa vinculación directa coa terra.

Ao longo do tempo, a sociedade galega creou un xeito de convivir co medio natural, mostrando solucións propias que se converteron nas características culturais da nosa tradición. O seu estudo permítenos entender o porqué de moitas costumes que hoxe conforman a nosa identidade cultural.

Foi no contexto político e socio-cultural europeo do século XIX, cando houbo un crecente interese polo estudo da cultura popular. Na Galicia do Rexurdimento, os intelectuais burgueses buscaron este ser galego, centrando a súa mirada na sociedade rural campesiña, observándoa e escoitándoa para logo escribir sobre ela.

A través da colección do museo podemos facer un percorrido polo folclore e a cultura galega dende o século XIX ata os nosos días. Isto é posible grazas aos intelectuais burgueses que no Rexurdimento buscaron esa identidade do pobo, poñendo a mirada na sociedade rural campesiña, a cal observaron e escoitaron para logo escribir sobre ela e dar pé ás numerosas representacións da mesma.

Comezando polos oficios tradicionais, atopamos exemplos como o Segador ou as Tecedeiras, dous traballos que demostran a capacidade da sociedade galega para compaxinar as labores co lecer ao crear un amplo repertorio de cantos populares sobre a sega e o tecer cos que amenizaban a xornada.

Estas cantigas conformaron todo un cancioneiro popular que se foi transmitindo de xeración en xeración de xeito oral. Entre o amplo repertorio de literatura e melodías orais destacaron os cantares de cego, tendo gran repercusión social. Eran relatos rimados dalgún suceso que un cego recitaba en espazos públicos. Normalmente tocaba a zanfona e podía ir acompañado dun pequeno axudante que representaba a historia con monifates.

O carácter festivo é moi propio da sociedade galega e atopámolo na colección a través de festas como o entroido, sen embargo, un dos maiores expoñentes son as romarías. Son eventos populares que combinan aspectos como a devoción, a historia ou a gastronomía. Comezaron sendo festas católicas cunha breve peregrinación a un santuario ou ermida ubicados nunha paraxe campestre onde logo se facía un xantar que se alongaba durante a tarde con música e baile.

Galicia ten un rico patrimonio de danzas populares, sendo a muiñeira a máis representativa. O seu nome procede dos bailes que se facían nos muíños mentres agardaban para recoller a fariña. Os bailes eran acompañados de música interpretada por gaiteiros, tamborileiros e pandereiteiras, sendo esta a formación máis básica. A representación destas escenas permítenos coñecer os traxes rexionais da época.

Por último, e como vimos en relación coas romarías, a relixiosidade tiña un gran peso na sociedade galega. Ata a aldea máis pequena contaba cunha igrexa e o seu cruceiro, sendo un elemento de representación habitual. Aínda así, Galicia sempre se envolveu dun misticismo máxico cheo de lendas e seres mitolóxicos.