Día Internacional dos Museos 2025

O futuro dos museos en comunidades en constante cambio

O Museo de Belas Artes da Coruña celebra o Día Internacional dos Museos o vindeiro 18 de maio e a Noite dos Museos o seguinte sábado, 24 de maio cunha programación especial que inclúe xornada de portas abertas, visitas guiadas á colección permanente do museo, obradoiros en familia e concerto de música cubana. Ademais, o 24 de maio haberá apertura extraordinaria ata as 23:30 horas.

Os museos son máis que espazos de conservación, son activos partícipes na configuración de comunidades. E, como motores culturais que son, deben xerar espazos e dar respostas, dunha forma sostible e inclusiva, a unha sociedade cada vez máis diversa.


Actividades

 

Obradoiros familiares "Máis aló dos lenzos"

Os espazos inmersivos, espazos de desenvolvemento artístico, de co-creación e de xogo, son propostas deseñadas a modo de escenografías, que invitan a descubrir e explorar libremente. Están concibidas para ser habitadas, utilizadas e modificadas polas persoas que as transitan.
En Máis aló dos lenzos, as propostas de luz, color e o uso das proxeccións apórtannos coherencia e globalidade, e inspirarán a nenos/as e adultos/as a crear e experimentar con materiais que pouco ou nada teñen que ver cun lenzo en branco.

Día dos Museos: 18 de maio, de 12:00 - 13:30 horas.
Noite dos Museos: 24 de maio, dúas quendas: de 17.30 - 19:00 ou de 19:30 - 21:00 horas.
Público: Nenos e nenas de 4 a 12 anos acompañados dun adulto.
Inscrición previa: Toda a información sobre a inscrición e o formulario de reserva de praza aquí: Máis aló dos lenzos.

 

Visitas guiadas á colección permanente do Museo
O Barroco (sala 2)

A sala 2 dedícase á pintura barroca europea do século XVII, con exemplos de España e Flandres, con especial incidencia da pintura mitolóxica, na que Rubens ten un protagonismo fundamental.

Día dos Museos: 18 de maio, ás 12:15 horas.
Noite dos Museos: 24 de maio, dúas quendas: ás 18:00 ou ás 20:00 horas.
Inscrición previa: Toda a información sobre a inscrición e o formulario de reserva de praza aquí 

 

Visitas guiadas á colección permanente do Museo
O Rexionalismo (sala 5)

Na sala 5 preséntase a obra dos principais artistas do Rexionalismo, nados en Galicia nas últimas décadas do século XIX, que buscan a aproximación á cultura popular galega a través da paisaxe, as xentes e os costumes. Ademais,  a muller conta cun espazo definido, pois comeza a ter cada vez máis relevancia, non soamente dende o punto de vista iconográfico, senón tamén como creadora.

Día dos Museos: 18 de maio, ás 12:30 horas.
Noite dos Museos: 24 de maio, dúas quendas: ás 18:15 ou ás 20:15 horas.
Inscrición previa: Toda a información sobre a inscrición e o formulario de reserva de praza aquí

 

Noite de concerto
Son de Camagüey

Unha “comunidade en constante cambio” derivada dos movementos migratorios supón a incorporación de cidadáns de procedencias e culturas diversas, para engrosar esta nova comunidade do museo, xa sexa como público o como protagonista para aportar o seu propio universo cultural.

Polo tanto, no concerto deste ano invitamos ao grupo Son de Camagüey, nacido na Coruña en 2015, e que foi iniciado como un proxecto musical de cinco amigos cubanos que buscaban volver a conectar coas súas raíces e recuperar a esencia da música coa que se criaron. Con todo, dez anos despois, Son de Camagüey converteuse en moito máis. Neste concerto repasarán os distintos ritmos da música cubana.

Noite dos Museos: 24 de maio, ás 21:30 horas.
Entrada libre ata completar aforo 
Máis información