Inauguración da exposición "Alejandro González Pascual 1930-1993"

ORGANIZA: Museo de Belas Artes da Coruña
PATROCINA: Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
LUGAR: Salón de actos do museo
DATA: Xoves, 18 de novembro de 2021
HORA: 20:00h

Este xoves, 18 de novembro de 2021, ás 20:00h, inaugurouse a mostra "Alejandro González Pascual, 1930-1993", dedicada a unha das figuras máis singulares das últimas décadas do século XX da plástica galega. O Museo de Belas Artes continúa así con unha serie de exposicións monográficas organizadas polo Museo dedicadas a diferentes pintores galegos, como as realizadas anteriormente sobre Tino Grandío, Antonio Tenreiro, Manuel Colmeiro, Felipe Criado e Alfonso Sucasas.

A exposición conta con obras procedentes na súa meirande parte de coleccións privadas, moitas das cales expóñense por primeira vez, e ás que se suman pezas cedidas por institucións como o a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Delegación do Goberno en Galicia, o Museo Provincial de Lugo, a Real Academia Galega ou a Colección de Arte Abanca. 

As pezas presentadas nesta exposición estrutúranse en catro grandes bloques, baseados na súa reiteración de temas. Así, Natureza, Bodegón, Estudio e Retrato recollerán os exemplos que permitirán achegarse á obra e á atmosfera de González Pascual, un mundo repleto de lirismo, sutileza e autenticidade.

Ao acto asistiu Anxo M. Lorenzo, Secretario xeral de Cultura, que estivo acompañado por Xavier Seoane e por Blanca González Docampo, filla do pintor, xunto coa directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque.

O Museo de Belas Artes da Coruña quere aportar unha renovada visión da obra e da traxectoria artística deste recoñecido pintor coruñés con esta mostra que poderá ser visitada ata o 27 de febreiro de 2022.


Para máis información: Alejandro González Pascual, 1930-1993

Documentos: