Vaamonde, Joaquín

Coruña (A) (m)
-
27/01/1871
Meirás (San Martín)
-
18/08/1900

Joaquín Vaamonde Cornide (A Coruña, 1871 - Meirás, A Coruña, 1900). Desde moi novo ingresa na Academia de Belas Artes da Coruña debido ás súas inquietudes sobre o debuxo, alí será alumno de Isidoro Brocos e de Román Navarro. Esta figura, de morte prematura, forma parte do grupo da Xeración Doente, impulsor da modernidade na pintura galega.

Aos dezaseis anos decide trasladarse a Arxentina onde, xunto a Bouchet e Manzano, continuará a súa formación. Durante estes anos no estranxeiro traballará como peón decorador e como retratista especializado na técnica do pastel. En 1894 volve á Coruña onde a súa obra terá un gran recibimento polo que retratará ao seu mestre Isidoro Brocos e a Emilia Pardo Bazán, que impresionada pola obra, manterá unha estreita amizade co pintor e se converterá na súa protectora, circunstancia que se reflectirá na obra da escritora, La quimera, baixo o pseudónimo de Silvio Lago. En 1895 a súa obra pasa aos salóns das Exposicións Nacionais, o que lle leva a ser galardoado cunha mención honorífica. Seguirá frecuentando estes salóns onde entra en contacto con outros membros da súa xeración como Jenaro Carrero ou Parada Justel. Viaxa a París e a Londres para coñecer a arte dos grandes mestres europeos aínda que volverá a Madrid onde establecerá o seu estudo.

Coa enfermidade moi avanzada decide volver a Galicia e pasará os seus últimos meses de vida no Pazo de Meirás, onde falece aos vinte e oito anos acompañado e coidado por Dona Emilia. A súa obra, debido ao seu curto desenvolvemento, limítase ao tratamento do retrato, dentro do realismo burgués que atopa a súa orixe nos retratos da Belle Époque. A súa obra terminaría cunha serie de paisaxes inacabadas nos seus últimos momentos de vida no Pazo de Meirás.