
Isidoro Brocos Gómez
Notas biográficas
Santiago de Compostela, 1841 – A Coruña, 1914
Isidoro Brocos foi escultor, gravador e debuxante. Formouse en Santiago de Compostela, Madrid, Roma e París e gozou de gran éxito profesional. Cando viviu na Coruña, ademais de dedicarse á creación artística, traballou como profesor na Escola Provincial de Belas Artes e no Instituto Eusebio da Guarda. Acadou éxito profesional e premios á súa obra a nivel galego e español.
Os temas
Aínda que tamén realizou obras relixiosas e mitolóxicas, na súa produción ten moita importancia a escultura con temática rexionalista cunha certa preocupación social. Para esculpir con fidelidade ás xentes de Galicia viaxou pola nosa xeografía debuxando a vida cotiá do mundo rural.
A súa forma de traballar
Realizaba as súas esculturas en barro cocido e en tamaños non moi grandes. Precisamente polo pequeno formato das esculturas, resulta especialmente laborioso e destacable o seu traballo, pois o contraste das diferentes texturas é de gran calidade, realizando un tratamento minucioso das carnes e dos tecidos, e reparando nos pregados e engurras.
De algunhas das obras consérvanse os moldes ou varias copias. Este formato tivo éxito entre a burguesía que as mercaba para decorar as súas casas e incluso o propio Alfonso XII adquirirá as esculturas Xastre de aldea e Aquí, aquí (a pulga), exhibidas na Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid no ano 1881.
As súas obras no Museo de Belas Artes da Coruña
Analizar as súas obras permítenos coñecer a súa maneira de traballar. Aquí, aquí (a pulga), A parva, ou O vello da zanfona son obras do museo representativas da súa traxectoria escultórica. Todas elas teñen temática costumista e representan momentos do día a día das clases populares.
Cando Isidoro regresou a Galicia despois das súas estadías nas capitais europeas, implicouse activamente na defensa e investigación da cultura popular galega e as súas tradicións, participando en revistas como La ilustración Gallega y Asturiana, onde foi colaborador artístico e corresponsal.
Precisamente O vello da zanfona foi unha das poucas obras que realizou nos seus últimos anos de vida, momento no que dedicou moito tempo ó traballo de campo recollendo música tradicional galega.