Arquitecturas que falan do seu tempo

06.11.2024-23.02.2025 -> PRORROGADA 27 DE ABRIL DE 2025
-
Sala de Exposicións Temporais
Organiza:
Museo de Belas Artes da Coruña
Comisario:
Xosé Manuel Casabella, Alfredo Sellier
Patrocinado:
Dirección Xeral de Cultura. Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Catálogo:
Si

O Museo de Belas Artes da Coruña organiza a exposición “Arquitecturas que falan do seu tempo”, comisariada por Xosé Manuel Casabella e Alfredo Sellier. A mostra recolle as creacións arquitectónicas dos 23 arquitectos que foron e son académicos de número e de honra da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, desde a súa creación o 31 de outubro de 1849 ata a actualidade. É por iso que o subtítulo desta exposición sexa 23+1.

As súas creacións arquitectónicas modelaron e transformaron o espazo de cidades e pobos ao longo dos últimos cento setenta e cinco anos. Tanto os edificios recentes como os antigos que se conservan e os que desapareceron, son xa parte inseparable da nosa memoria colectiva en Galicia. Do mesmo xeito o son os seus autores, arquitectos comprometidos coas artes, a cultura, e o rigor na súa actitude creativa, a cal foi motivo para o seu nomeamento como académicos.

Houbo e hai no marco de Galicia e da península moitos outros arquitectos de relevancia e transcendencia, pero estes vinte e tres que formaron parte da Academia poden tomarse como mostra de alto valor e referencia do que foron estes 175 anos de evolución arquitectónica.

 

Contido da exposición

A exposición comeza co arquitecto Faustino Domínguez Domínguez, ao que neste marco podería atribuírselle maior transcendencia, porque no momento da creación da Academia -vinculada entón á Deputación Provincial- ocupaba o cargo de arquitecto provincial e era tamén académico numerario da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Ademais de ser membro fundador da Academia e a súa verdadeira alma mater, de pronunciar o seu discurso inaugural e de ser promotor e o primeiro director da Escola de Belas Artes, resulta representativo da evolución que inexorablemente experimenta a arquitectura ao longo deste período.

Co proxecto da Universidade Literaria na Coruña realizado en 1841, Faustino Domínguez Domínguez obtén o título de arquitecto na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando:

universidade literaria-faustino domínguez

Faustino Domínguez Domínguez
Alzado de la fachada principal de la sección AB de una universidad literaria en A Coruña (1841)
Real Academia de Bellas Artes de San Fernando

 

Procuramos realizar unha exposición de arquitectura alcanzable a todos os públicos e non soamente ao especializado neste campo. Por iso articulouse a información de modo moi visual e dinámico, baseándonos fundamentalmente en fotografías que se mostran en vinte e tres pantallas de vídeo, unha para cada arquitecto, onde a exhibición de planos reduciuse ao mínimo, e só nos casos nos que resultou imprescindible.

Existen varias lecturas e aproximacións á exposición: unha delas é na que o visitante identificará edificios que lle son familiares, e que dan forma a un contexto urbano coñecido. Deste xeito, poderán identificarse esas obras cos seus creadores arquitectos, relacionalos co resto da súa obra, coñecelos, valoralos e poder gardalos a partir de entón na súa memoria.

 

Os arquitectos

A continuación, a relación dos 23 arquitectos representados nesta exposición:

Académicos Fundadores:
Faustino Domínguez Domínguez
José María Noya

Académicos Numerarios e de Honra:
Faustino Domínguez Coumes-Gay
Antonio de Mesa Álvarez
Juan de Ciórraga
Pedro Mariño
Leoncio Bescansa
Rafael González Villar
Eduardo Rodríguez-Losada
Santiago Rey Pedreira
Manuel Andrés Reboredo
Carlos Fernández-Gago
José Ramón Soraluce
Antonio Tenreiro Brochón
Rafael Baltar
Celestino García Braña
Xosé Manuel Casabella
Andrés Fernandez-Albalat
Rafael Moneo
Álvaro Siza
Manuel Gallego
Felipe Peña
César Portela

 

A imaxe da exposición

A imaxe que acompaña o título da exposición é a figura plana do desenvolvemento do poliedro icositetraedro pentagonal. Este poliedro está formado por 24 caras pentagonais iguais coas que se quere representar ao conxunto dos 23 arquitectos e 1 Academia.

poliedro

 

Catálogo da exposición

O museo reúne no catálogo ARQUITECTURAS QUE FALAN DO SEU TEMPO  diversos artigos de destacados arquitectos e especialistas da arte. Comeza cunha presentación por parte da directora do museo, Ángeles Penas Truque, "Acerca do proxecto Arquitecturas que falan do seu tempo (1849-2024). 23+1". A continuación, os textos dos comisarios da mostra: Xosé Manuel Casabella López,  "No 175 aniversario da creación da Real Academia Galega de Belas Artes",  e Alfredo Sellier, "23 arquitectos, 1 marco, 1 contexto, 1 tempo",  así como as aportacións de Alberto Fuentes Valcárcel sobre "A Coruña soñada: os casos do Mercado de Santo Agostiño e da Escola Superior de Comercio"; José Ramón Soraluce Blond que trata sobre "Os académicos e as correntes arquitectónicas en Galicia", e Ramón Yzquierdo Perrín, sobre "Os académicos historiadores da arquitectura galega".

O catálogo complétase coa relación dos 23 arquitectos académicos representados na exposición, cunha aproximación as súas biografías e ás maxes das obras destacadas de cada un deles.

Editado pola  Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a publicación presenta o texto paralelo en galego e castelán, a encadernación en tapa blanda, ilustracións a cor e un total de 214 páxinas. Medidas: 28,5 x 24 cm.

+info

Catálogo

Imaxes:
Imaxe: