Realizados entre 1810 e 1814, divídense en tres partes ben diferenciadas: Os primeiros 47 gravados preséntanos a guerra en todo o seu horror, facendo unha crítica feroz á violencia irracional do home, mentres que as 17 estampas seguintes mostrarán as súas terribles consecuencias, especialmente a fame negra e miseria que arrasaron Madrid en 1811-1812. Unha terceira parte coñecida como Caprichos Enfáticos, revélanos un país devastado sobre o que, tras a volta do absolutismo de Fernando VII, se cernen antigos vicios e desgrazas como a Inquisición, a superstición e a beatería.
Fuxindo da representación de personaxes ou feitos concretos, Goya declina mostrar o seu apoio directo a un ou outro bando, apartándose de interpretacións heroicas mediante unha visión crítica e innovadora que empatiza co pobo anónimo, protagonista e vítima real da contenda, convertendo a serie nunha reflexión de carácter universal contra a violencia.
Os títulos que aparecen en cada estampa foron gravados para a edición que en 1863 realizaría a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, copiando fielmente as anotacións de Goya na proba que regalou a Ceán Bermúdez antes do seu exilio a Burdeos en 1824.
O Museo de Belas Artes da Coruña custodia unha serie pertencente á Deputación da Coruña composta por 80 gravados dunha edición realizada en 1930.