Álvarez de Sotomayor, Fernando

Ferrol (l)
-
1875
Madrid (m)
-
1960

Fernando Álvarez de Sotomayor (Ferrol, A Coruña, 1875 - Madrid, 1960). Sendo neno trasládase coa súa familia fóra de Galicia, realizando estudos de Belas Artes na Academia de San Fernando en Madrid.

En 1899 gana a pensión artística para ampliar estudos en Roma durante catro anos, o que lle permite realizar viaxes a Bélxica, Holanda e París que tanto influirán na súa concepción da pintura, para a que tomará como referentes os flamengos do renacemento, os pintores do barroco, Rubens, Frans Hals, Rembrandt e os impresionistas franceses. Na Exposición Nacional de 1906 recibe a primeira medalla pola súa obra Os avós. Entre 1908 e 1915 desempeñou un importante labor docente na Escola de Belas Artes de Santiago de Chile da que foi director.

De volta en España instálase en Madrid, noméano pintor oficial da Familia Real. Sotomayor, que xa recibira moitos galardóns artísticos, é un pintor de gran renome nos ámbitos oficiais e académicos. Na Exposición de Arte Gallego da Coruña en 1917 presenta unha das obras de máis fama dentro de tema costumista, de xénero, Comida de voda en Bergantiños. En 1922 noméano membro de número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e ese mesmo ano ocupa o cargo de director do Museo del Prado no que permanecerá ata 1931, retomándoo en 1939 cando finaliza a guerra civil ata o seu falecemento en 1960.

Sotomayor cultivará varios xéneros pictóricos: A mitoloxía, o retrato, escenas relixiosas e temas costumistas para os que toma Galicia como referente artístico, convertiéndose nun dos máximos expoñentes pictóricos do rexionalismo artístico galego. O pintor terá especial relación coa Coruña durante as súas estancias vacacionais en Galicia e na máis prolongada que se produce entre os anos 1931 e 1938 por mor dos acontecementos políticos nacionais. Pinta e realiza apuntamentos e bosquexos das xentes, traxes, traballos, costumes e celebracións festivas da Galicia do momento cunha visión de estudo etnográfico. Nas súas escenas de xénero usa cores diluídas e fai unha recreación idílica ao gusto do costumismo romántico. Na súa última etapa, cunha traxectoria consolidada e convertido nun pintor de éxito, alterna as actividades no Museo do Prado cos múltiples encargos da burguesía do momento, especialmente retratos.

Debemos lembrar que a súa figura está unida á historia do Museo de Belas Artes da Coruña xa que como delegado de Belas Artes, as súas xestións desembocaron en 1937 na consecución da primeira sede que albergaría o Museo, o edificio do Real Consulado Marítimo. Sotomayor ocupou a dirección desta institución no ano 1938, establecendo ademais unha sólida amizade con José Seijo Rubio, pintor e gran impulsor da creación do museo.