González Fernández, Roberto

Monforte de Lemos (l)
-
1948

Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, Lugo, 1948). Nace nun ambiente familiar receptivo ás artes e o seu interese polo debuxo e a pintura vese estimulado desde moi cedo. Desde 1967 cursa na Coruña os seus estudos preuniversitarios, á vez que asiste a clases na Escola de Artes e Oficios. Comeza á súa vez a súa carreira artística baixo o pseudónimo Rubianes, cunha exposición individual na mesma cidade con apenas vinte anos de idade. En 1968 trasládase a Madrid, onde estudará Belas Artes en San Fernando, para logo desprazarse a Edimburgo en 1977. É un dos grandes mestres galegos do hiperrealismo, González é pintor, pero tamén traballa o gravado, a calcografía e o debuxo. Céntrase nunha forma de realismo abstracto, dando mostra dunha certa relación coa linea de autores como Giorgio de Chirico ou mesmo o surrealismo. E é que a súa obra tende a un realismo moi exacto, no formal, pero xerando un clima certamente onírico, inquietante e misterioso. Todo iso en cores neutras, gamas limitadas, cunha enorme nitidez e precisión das figuras, á maneira de Salvador Dalí, ou con elementos como ceos definidos, que nos levan ao propio René Magritte. A obra de Roberto González, sen dúbida, ha de verse como un testemuño da súa vida, a pesar das referencias e as proximidades a outros autores, e é que o autobiográfico é un elemento caracterizador de todo un corpus de pezas enormemente individualista.