Lugrís, Urbano

Coruña (A) (m)
-
1908
Vigo (m)
-
1973

Urbano Lugrís González (A Coruña, 1908-Vigo, 1973). Fillo do presidente da Real Academia Galega Manuel Lugrís Freire, realiza na Coruña estudos de Perito mercantil ao redor dos anos vinte e nos anos trinta.

Na súa mocidade en Madrid, entra en contacto co grupo de intelectuais e artistas que formarían a Xeración do 27, unha intelectualidade renovadora que centraba a Residencia de Estudantes, que lle proporcionará o crisol para o desenvolvemento da súa arte. Traballa no teatro de marionetas Bartolozzi, enrólase  nas Misións Pedagóxicas e asina o manifesto de artistas e intelectuais a favor da República.

Tras a Guerra Civil regresa a Galicia, vivindo entre Vigo e A Coruña. Realiza entón as súas primeiras exposicións individuais nas que desenvolve un vocabulario naturalista expresando un contido aínda ligado ao simbolismo e ao decadentismo decimonónico, pero xa co mar como tema preferente. Os anos cincuenta supoñen o apoxeo de Lugrís. Personaliza a linguaxe anterior introducindo referencias ás vangardas históricas, principalmente á pintura metafísica, ao cubismo e ao surrealismo. Nestes anos pinta numerosos murais, moitos perdidos, en Santiago e Vigo, así como os da Confraría de pescadores de Malpica e os do Instituto de Cultura Hispánica de Madrid, convértese  no impulsor da revista Atlántida (1954-1956), ademais de colaborar na La Noche e en Vida Gallega.

Entre 1963 e 1964, realiza cadros e murais para a igrexa de Vilaboa en Culleredo (A Coruña), instalándose posteriormente en Vigo ata o seu falecemento. A súa produción será homoxénea ao longo da súa vida, unha linguaxe de cores planas, con representacións de gran carga metafísica onde os motivos axudan a esta manifestación coas súas referencias á vida inmóbil: estatuas nun pedestal, caracolas, galeóns ancorados e paisaxes idealizados.

Obras do/a autor/a

Outras obras do/a autor/a neste museo

  • Campesino Gallego (#5407 - Dibujo - Papel, Lápiz, Madera - Debuxo con lapis)