seoane

Luis Seoane no Museo de Belas Artes

De entre a gran cantidade de obras que realizou Luís Seoane, o Museo de Belas Artes da Coruña conta cun bo número de óleos e gravados, un feito que se debe á importante doazón de Elvira Fernández (Maruxa Seoane), viúva do artista, no ano 1993. O conxunto de obras do museo permite comprobar a súa evolución como artista, xa que son obras de diferentes etapas a través das cales vai configurando o seu estilo.

Ademais dunha gran cantidade de óleos, entre 1937 e 1979, Luís Seoane edita preto de 60 álbums de debuxos e gravados en Arxentina, Alemaña e Galicia. Moitos dos seus gravados empregáronse para ilustrar libros, textos ou poemarios de personalidades próximas ao artista. Neles ensaia novas formas e recursos expresivos, destacando a autonomía da cor e os trazos, un estilo influenciado pola ilustración medieval, propia dos  códices e libros  miniados, combinado coas vangardas contemporáneas. Introduce ademais novidades como a incorporación de diferentes texturas a modo de colaxe, mediante diferentes materiais.

No Museo de  Belas Artes da Coruña consérvanse nove álbums completos, así como estampas soltas pertencentes a outras compilacións, son gravados que reflicten a denuncia social, a arte medieval, a paisaxe, os astros, ou a figuración humana, con retratos de personaxes históricos e sobre todo coa representación da muller, que encerra un gran simbolismo.