Os obxectos

Colección - Contexto - Interpretación - Funcionalidade - Valor sentimental - Afeccións

 

Os museos coleccionan, estudan, conservan, exhiben e difunden obras de arte, que na gran maioría, non deixan de ser obxectos. Os obxectos están presentes nas nosas vidas dende a antigüidade, tendo hoxe en día unha gran importancia, tanto pola súa funcionalidade, como polo valor económico ou sentimental.

Neste itinerario, seredes detectives que investiguen e interpreten diferentes obras da colección centrándose nos obxectos que aparecen representados. Hai exemplos onde serven como atrezo decorativo, outros nos que son atributos cos que identificar a personaxes, ou ben teñen un carácter simbólico co que comprender a mensaxe oculta dunha peza.

O punto de partida é o Gabinete do coleccionista, obra que nos fala do gusto, tanto sensorial coma estético á hora de crear unha colección. A orixe das coleccións está relacionada coa historia dos museos; algunhas das coleccións privadas convertéronse en públicas, mantendo a función conservadora e facilitando o coñecemento do noso patrimonio.

Os Xogadores de naipes sérvennos para ver como os obxectos poden identificar os oficios, reparando neste caso nos mosquetes dos personaxes. Tamén podemos adentrarnos no dramatismo barroco desta partida fixándonos, ademais de na xestualidade, na cantidade de moedas de cada participante.

O espello, as xoias e a armadura permítennos reconstruir un momento clave dun mito clásico no cadro Aquiles descuberto por Ulises. Aínda que debemos coñecer a historia, estes obxectos permítennos identificar que esta acontecendo na escena e por tanto aos personaxes.

No caso do Retrato de Margarita de Austria a coroa identifícaa rapidamente como raíña mentres que o xarrón con caraveis no de María Luisa de Orleáns indícanos que non é un retrato de aparato senón de compromiso polo carácter simbólico desas flores.

As ferramentas de traballo recollidas nun cesto xunto coa vestimenta de todos os personaxes de Consello dun pai, móstrannos dous ambientes distintos; por unha banda a refinada urbanidade e por outra a humilde dignidade do proletariado.

No Castigo son obxectos como o alfabeto pendurado da parede ou o antigo pupitre os que nos ubican a escena nun escenario concreto. A través dunha visión contemporánea, sen eses elementos resultaría complexo interpretar que as nenas están na escola.

Armonía é o título dun retrato da filla do pintor. Neste caso as afeccións da retratada quedan plasmadas na obra, incluindo na pintura un piano e libros de música. O título xoga co pasatempo da súa filla e quizáis tamén coa súa personalidade.

Un xénero pictórico no que os obxectos son indiscutibles protagonistas é o bodegón. Foi o xénero máis pintado por María Victoria de la Fuente, quen repetiu a mesma ubicación para o fondo en numerosas ocasións.

Durante o itinerario tamén é interesante analizar os obxectos decorativos ou funcionais que forman parte da colección do museo: escribanía, abanos, miniaturas, mobles, moedas… destacando a colección de pezas cerámicas de Sargadelos.