Pezas do Legado Pardo Bazán

O Museo de Belas Artes da Coruña conserva entre as pezas da súa colección, unha serie de obxectos que pertenceron á Emilia Pardo Bazán. Exemplos que pasaron a formar parte dos fondos do Museo tras unha serie de doazóns, en tres momentos sucesivos.

María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán, marquesa viúva de Cavalcanti, doa diferentes obxectos nos anos 1946 e 1950, trala petición de José Seijo Rubio, director do Museo naqueles intres.

 

Emilia Pastel

 

Retrato de Dña. Emilia Pardo Bazán, Joaquín Vaamonde, 1896

...diré que me surgió una novela, donde estudié la aspiración, encarnada en un malogrado pintor gallego, dueño de tales aptitudes y dotes artísticas, que, sin duda, si viviese, llegaría a dominar la técnica y a formarse una personalidad propia... y este gallego vino a Madrid a imponer la elegancia de su arte, las exquisiteces de su temperamento.

 

Con estas verbas referíase dona Emilia á Joaquín Vaamonde, artista da Xeración Doente que lle fixo este retrato, unha das súas imaxes máis representadas.

Este é o segundo retrato que o artista realizou a dona Emilia, quen o animou a trasladarse a Madrid. Grazas á súa axuda, Vaamonde convertiuse nun destacado retratista especializado na técnica do pastel. O resto da súa curta existencia quedará ligada á amizade coa escritora, pasando os seus últimos meses de vida no Pazo de Meirás, onde falece antes de cumprir os trinta anos.

Se Vaamonde deixou retratos antolóxicos de Pardo Bazán, ela converteuno en protagonista da súa novela La Quimera, a través do personaxe do pintor Silvio Lago, tal como o confirmou na conferencia que pronunciou no Centro Galego de Madrid en 1912.

 

 

Escribanía

Escribanía, Domingo Antonio de Castro, 1808

As iniciais gravadas en ambas as caras do vaso central, MPB e JMR, parecen corresponder aos primeiros propietarios da escribanía, os avós paternos de Emilia Pardo Bazán: Miguel Pardo Bazán e Joaquina Mosquera Ribera, de quen a herdaría o seu fillo, José Pardo Bazán y Mosquera (1827-1890), o pai da escritora.

Pluma

Pluma, ca. 1800

 

A escribanía ten os útiles habituais de escritura: un tinteiro, o recipiente para plumas e a salvadera que contiña a areíña para secar o escrito. Algunhas marcas gravadas nas pezas infórmannos de que se realizou na cidade de Ferrol polo prateiro Domingo Antonio de Castro. O conxunto acompáñase cunha pluma de prata rematada cunha ametista. 

estoxo

Estoxo, Xoieiros: Masriera Hermanos, c. 1895-1915​

Este estoxo foi un obsequio que Emilia Pardo Bazán recibiu da firma de xoieiros Masriera, unha familia de destacados ourives e xoieiros barceloneses. Na tapa, decorada con esmalte pintado, está representada a Alegoría da Fama sostendo unha trompeta e escribindo o nome de E. Pardo Bazán no horizonte, para sinalar a súa distinción como escritora.

No bordo da tapa figuran varios exemplos da obra narrativa de Pardo Bazán: San Francisco de Asís, Una cristiana, La piedra angular y los Pazos de Ulloa; no seu interior contén unha plumilla de ouro.

 

Na doazón de María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán incluíanse tamén:

  • Un retrato de Emilia Pardo Bazán, pintado por Xesús Corredoyra no ano 1915.
  • Unha colección de moedas dende o período romano  ata o século XIX.
  • Un misal, agasallo de voda de Juan Lembeye en 1868, ano en que dona Emilia contrae matrimonio con José Quiroga y Pérez de Deza.
  • Un manuscrito sobre a pintura española do século XIX, especialmente dedicado á Goya. 

 


Todos estes obxectos e outras pezas relacionadas coa vida e a época da escritora, forman parte da exposición "Legado Emilia Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña" que pode visitarse ata o mes de marzo de 2022.

 

O conxunto de obxectos relacionados con Emilia Pardo Bazán, e que forman parte da colección do museo, complétase coa doazón de María Esteban-Collantes y Sandoval, no ano 1968.

Condesa Torre de Cela

Retrato de la Condesa de Torre de Cela, Joaquín Vaamonde, 1897

O retrato representa a Manuel Esteban-Collantes y Sandoval aos seus dezasete anos, nora de dona Emilia Pardo Bazán e irmá da doante das pezas. 

O artista, Joaquín Vaamonde, realizou este retrato da que foi Condesa da Torre de Cela, tralo seu matrimonio en 1916 con Jaime Quiroga y Pardo Bazán, fillo da novelista que ostentou o título de Conde de Torre de Cela.

A peza supón unha mostra da intensa actividade retratística que desenvolveu o pintor durante a súa estancia en Madrid, a finais de século.

 

Speculum

Speculum Humanae Vitae, c. 1590-1630.

Este antigo tapiz de época barroca e temática alegórica, serviu de inspiración para unha das novelas da escritora, tal como contou a propia Emilia Pardo Bazán, nunha entrevista do ano 1918:

Representa la danza macabra. Se lo compré a un yanqui que lo encontraba triste. Y vea usted, a mí su contemplación me inspiró un capítulo de "La Sirena negra"

Dona Emilia refírese ao capítulo V da súa novela de 1908, "La sirena negra", onde describe algunhas das figuras do tapiz que na narración están inmersas nunha danza da morte.

O tema central do tapiz inspírase na estampa Alegoría de la muerte, do gravador italiano Andrea Andreani (c. 1558-1629), cun completo programa iconográfico, explicado na folla técnica da peza.

 


Todos estes obxectos e outras pezas relacionadas coa vida e a época da escritora, forman parte da exposición "Legado Emilia Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña" que pode visitarse ata o mes de marzo de 2022.