Museo
buscar



O MUSEO / HISTORIA

O NACEMENTO

O iniciativa de facer un Museo de arte na Coruña xurde a finais do século XIX –nun tempo de pleno auxe cultural na cidade-, seguindo o exemplo dos museos provinciais que naceron por aquela época en diferentes capitais. Aínda así haberá que agardar a 1922 para asistir á creación oficial do Museo, sen un emplazamento fixo naqueles anos. Grazas á acción de personaxes destacados como Ángel del Castillo –primeiro director do centro- foise formando a colección do museo coa adquisición das primeiras obras.

 En 1938, por iniciativa do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor, cédese parte do edificio do Consulado do Mar para albergar a colección do Museo de Belas Artes, compartindo o edificio coa Real Academia de Belas Artes e a Biblioteca do Consulado. Foron uns primeiros anos de bastantes atrancos  ata 1947, cando se abren as portas ao público. A arela de ter un Museo na cidade ficaba, deste xeito, cumprida.

O MUSEO ANTIGO E O ROUBO DOS RUBENS

No edificio do Consulado a colección foi acrecentándose a través de doazóns, depósitos e  adquisicións propias. Nos anos oitenta é catalogado como Museo de titularidade estatal, e comeza a recibir un orzamento regular do Ministerio de Cultura, abandonando así a dependencia de subvencións de diferentes organismos e institucións anterior, e un certo baleiro legal en canto a súa titularidade. Debido ao crecemento da institución, o vello predio da rúa Panadeiras foise quedando claramente insuficiente ante a necesidade de termos na cidade un Museo moderno, que ofrecera as mellores condicións de exposición, de conservación e de seguridade. 

A mañá do 16 de setembro de 1985 foron roubadas dúas obras de Rubens dunha das salas da antiga sede (finalmente recuperadas e hoxe en día expostas), deixando en evidencia que para adaptarse ao novo papel que a sociedade lle demandaba, era necesario construír un novo edificio para o museo.

A CREACIÓN DO NOVO MUSEO

Decidiuse a edificación dun novo museo moi preto de onde estaba o antigo. O encargo recaeu no prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jorreto (que acadou o premio Nacional de Arquitectura co seu proxecto). O novo predio foi finalmente inaugurado en 1995. Máis de 5000 metros cadrados con todo o equipamento necesario para o  desenvolvemento dun proxecto museográfico moderno, nun edificio no que se combina a arquitectura do vello convento das Capuchinas –en parte recuperado- co edificio de nova planta, no que predomina o uso do granito, o cristal e a madeira, creando así un novo fogar para unha colección que non deixou de medrar en cantidade e calidade, dende a asunción da xestión do museo por parte da Xunta de Galicia en 1989.

ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.