Picasso: Branco no recordo azul

Con motivo do cincuenta aniversario da morte de Pablo Picasso o 8 de abril de 2023, e no marco da Celebración Picasso 1973-2023, organizada conxuntamente polo Estado español e o Estado francés nos principais museos das cidades picassianas, a Xunta de Galicia promove a exposición monográfica: Picasso branco no recordo azul. Debuxando o futuro, que se desenvolverá no Museo de Belas Artes da Coruña entre o 23 de marzo e o 25 de xuño de 2023.

Comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña, e coa participación do equipo técnico-facultativo do museo.

A exposición

Picasso iniciou a súa formación académica e asumiu a súa condición de artista na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895. El mesmo consideraba que a súa infancia e primeira adolescencia foran cruciais para chegar a ser o que foi. Estes anos foron exhaustivamente estudados na exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, na que se daba a coñecer, desde unha mirada diacrónica, toda a súa produción coruñesa.

Picasso, branco no recordo azul analiza o carácter iniciático dos seus fundamentos estéticos no período coruñés e como estes trascenderon ao futuro, poñendo de manifesto as débedas que o prolífico creador ten con aquela etapa que xamais esquecería, talvez a única na que se sentiu feliz, fortalecido por un sentimento de liberdade e confianza en si mesmo.

A exposición estrutúrase en dez capítulos que obedecen a referencias de orde temática, conceptual ou de linguaxe.

 

Picasso en A Coruña

 

Celebración Picasso 1973-2023 xira ao redor dunhas cincuenta exposicións e eventos que se celebran en institucións culturais de renome de Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A conmemoración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permite facer balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante o importante simposio internacional que se celebrará no outono de 2023, coincidindo coa apertura do Centre d'études Picasso en París.