González Pascual, Alejandro

Coruña (A) (m)
-
1930
Coruña (A) (m)
-
1993

Alejandro González Pascual (1930-1993) naceu na Coruña en 1930, polo que a súa infancia e xuventude se viron marcadas polas consecuencias dun contexto de guerra. Considerado un artista autodidacta, asistiu a clases na Escola de Artes e oficios da Coruña e, posteriormente, a súa curiosidade intelectual fíxolle entrar nos círculos artísticos coma o Círculo Bach da Asociación de Cultura Iberoamericana, dirixido polo pintor José María de Labra; e tamén participar en faladoiros coma a tertulia do bar Casa Enrique da Coruña, chegando así a relacionarse con personaxes e escritores da revista Atlántida, na que colabora.

A súa primeira exposición ten lugar na Galería “Lino Pérez” da Coruña, no ano 1954, unha mostra na que reflicte a súa vocación vangardista e o desexo de achegarse ás tendencias artísticas europeas. Tras o seu matrimonio con Blanca Docampo, na década de 1960 comeza un proceso de evolución individual e independente co que inicia tamén unha etapa de plena madurez artística.

A exaltación que sinte ante a natureza converte a paisaxe no instrumento expresivo principal da súa obra. En 1963 constrúe unha pequena casa xunto ao río Mera (Ortigueira), un entorno que resultará unha inspiración total para comezar a representar bosques, árbores e troncos, dando lugar a diversas etapas con elementos repetitivos con fondos escuros, cheos de sombras, e obxectos fortemente iluminados.

Progresivamente, vai dispoñendo os troncos das árbores coma se de naturezas mortas se tratasen, anunciando xa o bodegón, tema no que se centrará nos últimos anos da súa vida xunto coas escenas de interiores, recreando espazos repletos de luz; reducindo a pintura ao debuxo esencial de manteis, pratos, vasos ou froitas.