María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán, marquesa viúva de Cavalcanti, doa diferentes obxectos nos anos 1946 e 1950, trala petición de José Seijo Rubio, director do Museo naqueles intres.
|
Retrato de Dña. Emilia Pardo Bazán, Joaquín Vaamonde, 1896 |
Con estas verbas referíase dona Emilia á Joaquín Vaamonde, artista da Xeración Doente que lle fixo este retrato, unha das súas imaxes máis representadas. Este é o segundo retrato que o artista realizou a dona Emilia, quen o animou a trasladarse a Madrid. Grazas á súa axuda, Vaamonde convertiuse nun destacado retratista especializado na técnica do pastel. O resto da súa curta existencia quedará ligada á amizade coa escritora, pasando os seus últimos meses de vida no Pazo de Meirás, onde falece antes de cumprir os trinta anos. Se Vaamonde deixou retratos antolóxicos de Pardo Bazán, ela converteuno en protagonista da súa novela La Quimera, a través do personaxe do pintor Silvio Lago, tal como o confirmou na conferencia que pronunciou no Centro Galego de Madrid en 1912. |
|
Escribanía, Domingo Antonio de Castro, 1808 |
| As iniciais gravadas en ambas as caras do vaso central, MPB e JMR, parecen corresponder aos primeiros propietarios da escribanía, os avós paternos de Emilia Pardo Bazán: Miguel Pardo Bazán e Joaquina Mosquera Ribera, de quen a herdaría o seu fillo, José Pardo Bazán y Mosquera (1827-1890), o pai da escritora. |
|
Pluma, ca. 1800
|
| A escribanía ten os útiles habituais de escritura: un tinteiro, o recipiente para plumas e a salvadera que contiña a areíña para secar o escrito. Algunhas marcas gravadas nas pezas infórmannos de que se realizou na cidade de Ferrol polo prateiro Domingo Antonio de Castro. O conxunto acompáñase cunha pluma de prata rematada cunha ametista. |
|
Estoxo, Xoieiros: Masriera Hermanos, c. 1895-1915 |
|
Este estoxo foi un obsequio que Emilia Pardo Bazán recibiu da firma de xoieiros Masriera, unha familia de destacados ourives e xoieiros barceloneses. Na tapa, decorada con esmalte pintado, está representada a Alegoría da Fama sostendo unha trompeta e escribindo o nome de E. Pardo Bazán no horizonte, para sinalar a súa distinción como escritora. No bordo da tapa figuran varios exemplos da obra narrativa de Pardo Bazán: San Francisco de Asís, Una cristiana, La piedra angular y los Pazos de Ulloa; no seu interior contén unha plumilla de ouro. |
Na doazón de María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán incluíanse tamén:
- Un retrato de Emilia Pardo Bazán, pintado por Xesús Corredoyra no ano 1915.
- Unha colección de moedas dende o período romano ata o século XIX.
- Un misal, agasallo de voda de Juan Lembeye en 1868, ano en que dona Emilia contrae matrimonio con José Quiroga y Pérez de Deza.
- Un manuscrito sobre a pintura española do século XIX, especialmente dedicado á Goya.
Todos estes obxectos e outras pezas relacionadas coa vida e a época da escritora, forman parte da exposición "Legado Emilia Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña" que pode visitarse ata o mes de marzo de 2022.



