Os oficios

Historia - Artesanía - Traballo - Agricultura -  Muller - Coidados - Industrialización

Na colección do museo podemos descubrir obras de distintos períodos e estilos centrándonos nas profesións que aparecen representadas. Así, este itinerario permitiranos viaxar dende o século XVII ao XXI a través dos oficios, descubrindo aqueles que desapareceron e como se foron transformando os que perviven no tempo.

Nos Xogadores de naipes vemos como os obxectos caracterizaron os oficios ao longo da historia, reparando neste caso nos mosquetes, armas que definían un tipo de soldados, os mosqueteiros.

Durante gran parte da historia, o traballo que se realizaba durante toda a vida viña definido pola familia na que se nacía, realidade que afectou tanto aos gobernantes como ás clases populares. É interesante facer esta reflexión ante o Retrato de Mariana de Austria, raíña consorte dende os 15 anos. Podemos contrapoñer este oficio co de alcalde, como o caso de Vicente Alsina, que é elixido democraticamente polos cidadáns.

No museo atopamos traballos que quedaron obsoletos debido aos avances tecnolóxicos, como é o caso dos arrieiros, homes que viaxaban transportando mercadorías nos seus carros. Joaquín Sorolla representou no seu Boyero castellano a un arrieiro transportando fariña, bosquexo da obra que posteriormente sería La fiesta del pan.

Os cadros costumistas son grandes fontes documentais, grazas a eles podemos coñecer os nosos oficios tradicionais e estudar a súa transformación. O Segador e as Tecedeiras de Sotomayor son bos exemplos, mostrándonos a sega realizada manualmente coa gadaña ou o laborioso traballo de tecer con teares manuais.

As vangardas tamén se interesaron por representar os oficios máis característicos de cada lugar, cada unha co seu estilo propio. En relación coas tecedeiras atopamos a Tenda de teas, pero tamén outros oficios propios da costa como As mariscadoras de Luis Seoane. Os Renovadores fálannos da dureza da realidade das mulleres galegas de non fai tantos anos.

A colección tamén nos permite abordar como estes traballos artesanais se foron transformando coa chegada da Revolución Industrial. Fronte os pequenos obradoiros como o do ferreiro Na Fragua, atopamos xa grandes fábricas que transformaron tanto o territorio como o sistema productivo, algo que podemos observar na Vista da Coruña.

Falar do ámbito laboral lévanos a reflexionar sobre as desigualdades ao longo da historia; en función da raza, sexo, condición social ou diversidade funcional, asignábase un traballo ou outro. Un exemplo disto foron os cantos de cego representados na obra O vello da zanfona.

Nun museo é imprescindible reflexionar tamén sobre a profesión de artista, á que historicamente lle foi máis fácil acceder aos homes que ás mulleres. Julia Minguillón foi unha figura destacada por conseguir facer da pintura o seu oficio e ser a primeira muller en gañar o Premio do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1948 ca súa obra Juventud.