Museo
buscar



URBANO LUGRÍS, Mariña surrealista



Quen o pintou?

Este cadro pintouno Urbano Lugrís, artista nacido na Coruña en 1908.

A Lugrís encántalle pintar escenas mariñas, pero non de xeito realista, senón un mar cheo de fantasía. Lugrís foi un gran lector de contos e libros fantásticos, deles sacou moitas ideas para pintar nos seus cadros.

Ademais de pintar cadros, Lugrís decoraba moitos bares e restaurantes con enormes e fermosos murais cheos de illas, barcos, peixes, áncoras, tesouros afundidos e moitas cousas máis relacionadas co mar.

Que vemos no cadro?


No cadro aparecen moitos elementos fantásticos que podemos descubrir se o observamos con coidado:

- Chama a atención unha serea azul que aboia preguiceira enriba dunha nube.

- Ao fondo vemos unha illa de estrañas formas que xorde do mar. Parece como se fora de xeo ou de cristal.

- Hai tamén unha buguina xigante, unha animal mariño e un obxecto que semella un ovo xigante roto. Este Lugrís ten unha grande imaxinación.

- No medio observamos un grande pao cravado no chan. Será o mastro dun barco afundido?

O ceo é misterioso. Por un lado semella de día, polo outro é noite pechada, e polo medio ten moitas cores: verde, laranxa, gris e violeta.

Nun primeiro plano o chan é de area e hai moitas pucharcas. Ao fondo, vemos unha franxa de mar separada do ceo pola liña do horizonte.

Lugrís asinaba os seus cadros cunha áncora. Neste cadro o seu símbolo aparece ao lado do seu nome, na parte inferior dereita do cadro.

Que máis nos ensina o cadro?

Lugrís case sempre pintaba os seus cadros de cabalete en táboa e non en lenzo. Nesta superficie podía debuxar con gran detalle e minuciosidade.

O escritor favorito de Lugrís era Xulio Verne, que escribiu novelas sobre viaxes submarinas e outras historias fantásticas que inspiraron a Lugrís.

As sereas son seres fabulosos da mitoloxía grega. Contan os mitos que cos seus fermosos cantos atraían aos mariñeiros e atrapábanos para non deixalos marchar.

O surrealismo é un movemento artístico de vangarda. Os seus seguidores teñen como inspiración non a realidade, senón o mundo dos soños, da imaxinación e das fantasías. Un cadro surrealista pode representar cousas estrañas, fantásticas, chocantes, máxicas, absurdas...

volver

ACHÉGATE

Reapertura do Museo desde o 21 de maio de 2020

Prórroga da exposición de Seoane hasta o 20 de setembro de 2020.

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.