A EXPOSICIÓN

O título da mostra xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista, que vai dende as artes plásticas ao deseño industrial.

A exposición articúlase en cinco seccións coas que se pretende amosar esa traxectoria, desde a súa primeira etapa pictórica ata a derradeira, deseñística e industrial, pasando pola etapa de transición plástica e a do estudo e posta en práctica dos sinais que trasmite a tradición e a memoría, coa creación do Laboratorio de Formas de Galicia e os seus proxectos.

 

As obras e os prestadores

A exposición reúne cerca de 150 obras, principalmente de Isaac Díaz Pardo, xunto con algunha de artistas como o seu pai Camilo Díaz Baliño ou de Luís Seoane, Torrallardona, Torres Agüero; Laxeiro ou Geno Díaz. Abundan as pinturas pintadas ao óleo, pero tamén debuxos e obra gráfica, xunto cunha variada selección de pezas cerámicas así como pezas de mobiliario deseñadas polo artista.

As obras proveñen na súa meirande parte da colección atesorada pola familia Díaz Pardo, á que se unen pezas doutros prestadores, tanto privados como institucionais (Concello da Coruña, Museo de Pontevedra, Colección de Arte Abanca, Fundación Luís Seoane, Fundación María José Jove, Real Academia Galega).

Así mesmo, o Museo de Belas Artes aporta á mostra as obras de Isaac Díaz Pardo que forman parte da colección permanente, como Xentes que ollan, un óleo de 1963 doado en 1990 por Elvira Fernández López, viúva de Luís Seoane; un Nu dos anos corenta; ou O Discurso (c. 1947-1948), obra depositada no museo pola Deputación da Coruña.

A mostra completarase tamén na visita polo museo mediante a incorporación de obras e pezas expostas nas salas, que se contextualizarán pola súa relación cos contidos e coa época da exposición, xa sexan obras de autores vencellados a Isaac Díaz Pardo, como Luís Seoane, ou ben pezas da Real Fábrica de Louza de Sargadelos. Desta maneira, o visitante poderá completar a visita á exposición cun percorrido polas salas do museo, acadando unha visión máis ampla da época.

Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe: