O ARTISTA

Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920-A Coruña, 2012)

Isaac Díaz Pardo foi un dos grandes nomes da cultura galega do século XX. Pintor, ceramista, deseñador, editor e promotor de proxectos culturais,  desenvolveu unha intensa actividade en favor da revitalización das artes e a cultura galega.

Fillo do artista Camilo Díaz Baliño, desde neno estivo en contacto co mundo da cultura galeguista. No obradoiro do seu pai, en Santiago de Compostela, coincidiu con figuras como Castelao ou Ramón Cabanillas. Alí participou moi novo na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936, deseñando carteis xunto a Castelao e Luís Seoane.

Co golpe de estado e a Guerra Civil,  iníciase en Galicia un período de represión no que o pai de Isaac é detido e paseado. O propio Isaac tivo que esconderse nun primeiro momento na casa do seu tío na Coruña, cidade na que comezara a traballar como rotulista. 

En 1939 marcha a Madrid, onde estudou pintura na Academia de San Fernando, aínda que o seu desexo era estudiar arquitectura, e alí interesouse tamén polo deseño industrial. En 1942 viaxou a Italia cunha bolsa e ao ano seguinte comezou a dar clases na Escola de Belas Artes de Barcelona.

Durante a década dos 40 destacou como pintor, con exposicións en Londres, Barcelona ou A Coruña, e cun estilo que evolucionou cara a unha linguaxe plástica moi persoal.

En 1949, fundou Cerámicas do Castro en Sada, A Coruña. Alí comezou unha nova etapa centrada no deseño e a cerámica, deseñando moitas das pezas que producía a factoría.

En 1955, viaxou a Bos Aires para inaugurar unha exposición no Centro Galego. Neste momento vaise reencontrar con moitos dos exiliados galegos cos que tivera contacto en Santiago nos anos da República, establecendo unha estreita relación con Luis Seoane, con quen colaboraría durante décadas. En Arxentina creou a fábrica A Magdalena e participou na revista Galicia Emigrante.

En 1963, Seoane propúxolle fundar o Laboratorio de Formas de Galicia, un proxecto do que naceron iniciativas como Ediciós do Castro, o Museo Galego de Arte Contemporánea "Carlos Maside", e sobre todo a nova fábrica de Sargadelos, inaugurada en 1970, da que Isaac foi director ata 2006. En 1972 creou tamén o Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos.

Moitos dos deseños desta etapa saíron das mans de Díaz Pardo e do seu equipo, mentres que Seoane tamén contribuíu con pezas moi recoñecidas, como as xerras-cabeza inspiradas en personaxes galegos medievais.

Sargadelos terminou por converterse nun símbolo da identidade galega, representado a cultura, a tradición e o patrimonio de Galicia e o propio Isaac esta considerado un dos referentes intelectuais de todo este proceso.

Como pintor, Isaac evolucionou desde os canons académicos clasicistas ata adquirir unha linguaxe plástica persoal e renovadora, acorde cos artistas da vangarda plástica galega cos que se relacionou. Nos seus lenzos son características a forza expresiva dos rostros e os xestos das figuras.

Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe:
Imaxe: