A BARCA DE CARONTE. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo
Sargadelos
Aquí amosarase a recuperación e restauración da actividade cerámica en Sargadelos, que comeza entre 1965 e 1966 cun convenio entre o Laboratorio de Formas de Galicia e Cerámicas do Castro. Cabe destacar os antecedentes nas Reais Fábricas establecidas por Raimundo Ibáñez en 1806, ata o peche en 1875 da Real Fábrica de Louza de Sargadelos.
O convenio designa ao Laboratorio como promotor da nova sociedade e responsable da orientación estética e a planificación de todas as formas utilizadas pola empresa. Isaac e Seoane buscaban darlle nova vida a Sargadelos cunha cerámica vinculada ao seu tempo pero baseada nas formas tradicionais e na memoria histórica galega, para conseguir produtos cunha clara vocación universal.
A nova fábrica de planta circular, deseño de Andrés Fernández-Albalat, inaugúrase en 1970 e a empresa estará dirixida por Isaac ata o ano 2006, en que é cesado polos socios.
A iniciativa de Isaac ía máis aló: en 1972 Isaac fundou o Seminario de Estudos Cerámicos para labores de investigación
pero tamén para a realización de actividades culturais e pedagóxicas, destacando as Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre entre 1972 e 2006, unha experiencia singular con proxección internacional.