Seoane, Luis

Bos Aires
-
01/06/1910
Coruña (A) (m)
-
05/04/1979

Ver obras de Luis Seoane

as mariscadoras

Luís Seoane é un dos galegos máis destacados do século XX, un home profundamente comprometido coa cultura e a sociedade galega, que traballou como artista, escritor, xornalista, editor e promotor de moitas iniciativas culturais ao longo da súa vida.

Nace en Bos Aires nunha familia de emigrantes que regresará a Galicia en 1916, polo que pasa a súa infancia na Coruña ata que se traslada coa súa familia en 1920 a Santiago de Compostela, onde estuda o bacharelato e iniciará a carreira de Dereito. En Santiago comeza a súa actividade artística coa súa primeira exposición en 1929 na Sala de Amigos del arte, unha mostra á que lle segue a exhibición de 1930 no Café español, destacando como debuxante e ilustrador. Son anos de formación e estudo, pero tamén de experiencias vitais; pasa tempadas na aldea da súa nai, no Pino, onde se atopa María Elvira Fernández (máis coñecida como Maruja Seoane) con quen casará en 1937.

Tras a proclamación da II República en 1931, implícase en movementos intelectuais e políticos: deseña o cartel para o estatuto de autonomía de Galicia e abre un despacho de avogados na Coruña, onde traballa ata que o estalido da Guerra Civil e a súa actividade política o obrigan a exiliarse e regresar a Bos Aires. Alí promoverá todo tipo de actividades culturais: crea diversas editoriais, revistas, participa na radio, en coloquios, en exposicións, e coincide con intelectuais e artistas galegos como Maruja Mallo, Isaac Díaz Pardo, Lorenzo Varela, Laxeiro ou Manuel Colmeiro. Unha das revistas máis destacadas foi Galicia Emigrante, publicada entre 1954 e 1959, da que foi promotor, editor e director.

Todas as súas actividades reflicten que nunca se esqueceu de Galicia e que mantén o compromiso coa sociedade galega. Durante esta etapa de exilio realiza varias viaxes por Europa para coñecer a obra de artistas como Picasso, Fernand Léger ou Henry Matisse, e convértese na figura clave do galeguismo en América tras a morte de Castelao en 1949. Na súa actividade artística, comeza a introducir a colaxe nos gravados en madeira, realiza os primeiros anuncios abstractos de Arxentina, cos carteis de Cinzano e Otard Dupuy; e destacan os preto de cincuenta murais que leva a cabo en Bos Aires. Realiza álbums de gravados e ilustracións de libros de autores como Unamuno, Alberti, Lorca ou Neruda.

Tras vinte e sete anos no exilio, en 1963 viaxa a España para expoñer en Madrid e na Coruña. A partir deste intre, o contacto coa península vai ser cada vez maior, con viaxes esporádicas, que terán como resultado novos proxectos. Xunto a Isaac Díaz Pardo, en 1968 funda o Laboratorio de Formas, cuxo obxectivo é recuperar a Cerámica de Sargadelos, ademais de crear a editorial Ediciós do Castro e o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, reflexo da súa intención de reconstruír a historia da arte galega a través do movemento renovador do século XX.

Os seus últimos anos de vida pásaos en Galicia, traballando como artista e implicándose en proxectos culturais en favor da defensa de Galicia. Morre na Coruña, onde pretendía volver e instalarse definitivamente.

Obras do/a autor/a