A muller no Museo

Feminismo - Igualdade - Modelo - Creadora - Visibilidade - Enfoque de xénero

 

Que papel xogan e xogaron as mulleres no mundo da arte? Esta é a cuestión fundamental que serve de fío condutor neste itinerario cun claro enfoque feminista. Con el podemos aproximarnos á colección do museo tendo á muller como protagonista e abordando a través dela dous aspectos principais:

  • A representación artística da muller na Historia da Arte: a modelo.
  • A muller como protagonista do feito artístico: a creadora.

Na actualidade non cabe aceptar sen máis a versión da historia que se nos foi transmitida, e que en moitos casos, seguimos perpetuando. Non se pode negar a existencia de moitas lagoas históricas, silencios e prexuízos, que afectaron a moitas minorías e colectivos, entre os que atopamos ás mulleres.

Con este percorrido poñemos o foco na desigualdade que sufriron centrándonos nun paradoxo concreto: a hipervisibilidade feminina como obxecto de representación na arte fronte a invisibilidade das mulleres artistas.

 

A muller como modelo

En primeiro lugar propoñemos reler a Historia da Arte e as obras plásticas cunha mirada crítica e perspectiva de xénero, sendo conscientes do mundo de valores e estereotipos que transmiten as imaxes.

En moitas obras mitolóxicas, os personaxes femininos, sen importar a súa condición de deusas ou princesas, sofren a violencia machista en forma de raptos ou violacións (Psique ou Atenea no mito de Erictonio e as crecrópidas).

Nos Xogadores de naipes, un xénero pictórico propio do Barroco, atopamos unha segunda lectura moralizante arredor do xogo, onde as mulleres representadas se suman ás tentacións e aspectos negativos que se deben esquivar; neste caso as apostas, as trampas e a luxuria.

Os retratos das raíñas Margarita de Austria e María Luisa de Orleáns permítennos reflexionar sobre o seu papel na realeza: a función reproductiva que se lles impoñía coa presión de ter descendentes varóns, os canons de beleza e as modas ás que as mulleres foron sometidas ao longo da historia ata o punto de poñer en risco a súa saúde, así como o tema dos matrimonios concertados, case sempre sendo elas moi cativas e os seus prometidos adultos, incluso da mesma familia.

A desigualdade entre homes e mulleres pódese analizar a través da obra O castigo, onde se mostra unha antiga escola. Antigamente, a maior parte das escolas eran segregadas e as nenas non aprendían nin as mesmas cousas nin do mesmo xeito que os nenos. As mulleres, as poucas que podían acudir á escola, eran educadas para ser submisas e boas amas de casas.

A muller tradicional galega non tiña estudos e comezaba a traballar dende moi nova. Non tiña tempo de lecer, xa que cando remataba as tarefas da casa, do mar ou do campo, continuaba coas labores para o resto da familia. A sobrecarga de traballo e responsabilidades viuse incrementada pola emigración dos homes, dando pé a esa concepción de Galicia como un Matriarcado. Todo isto foi unha temática recurrente na obra do grupo os Renovadores, onde a muller rural é protagonista, e case sempre aparece traballando: As mariscadoras, Lavandeiras, Na fonte, Tenda

 

As mulleres artistas

De todas as obras mencionadas ata o momento ningunha foi realizada por unha muller. Por que non existían grandes mulleres artistas? Como puidemos comprobar, a situación social non favorecía que se convertisen en creadoras. Sabemos que as houbo aínda que ata o século XX foron moi poucas as que pasaron á historia.

Isto provocou que nos museos con coleccións máis antigas sexa moi difícil atopar obras realizadas por mulleres; sen embargo, os que contan con colección máis contemporánea seguen a ter unha porcentaxe moi desigual entre creadores e creadoras.

Dende o Museo de Belas Artes queremos reivindicar a produción das mulleres artistas, presentándoas individualmente e incluindo unha recopilación de vídeos sobre algunhas delas.

 

- Elena Colmeiro 

 

- Julia Minguillón

 

 - María Victoria de la Fuente

 

- María Roësset Mosquera

 

- Dolores Díaz Baliño

 

Outras artistas tamén presentes na colección do museo son Elena GagoElena OlmosMaría Antonia Dans, Pilar Álvarez de Sotomayor, Blanca López ou Emilia Pardo Bazán.

 


Biblioteca do Museo

2024: selección bibliográfica sobre Mulleres e arte: aquí.
2023: selección bibliográfica sobre a Muller, arte e feminismo: aquí.
2022: Selección bibliográfica sobre Mulleres artistas, mulleres e arte: aquí

 

Departamento de didáctica

O Departamento de Educación do Museo de Belas Artes da Coruña ofrece aos escolares de Educación Secundaria e Bacharelato a visita As mulleres no museo, na que se aborda o papel que xogaron as mulleres ao longo da historia da arte, así como a visita E elas... Onde están? para escolares de 5º e 6º de Educación Primaria.