Os gravados de Goya
Nas antigas celas monacais do convento das Capuchinas integrado no actual museo co proxecto de Manuel Gallego Jorreto, expóñense unha selección da colección de 233 estampas de Francisco de Goya custodiadas no Museo de Belas Artes. As imaxes, realizadas combinando as técnicas de gravado da augaforte e augatinta, agrúpanse en diferentes series: Pinturas de Velázquez, Caprichos, Desastres da guerra, Disparates e Tauromaquia.
Un dos primeiros traballos de Goya como gravador son as estampas sobre cadros de Velázquez, unha serie realizada polo interese do rei Carlos III en difundir copias das grandes obras que formaban parte da Colección Real.
Na serie dos Caprichos, Goya amosa unha visión da España da súa época, con estampas onde critica os vicios e costumes da sociedade, sempre en ton satírico, dando pé a diferentes interpretacións dende que foi publicada e posta á venda en 1799. A selección de estampas agrúpase en diferentes temas: bruxería, sátira eclesiástica e prácticas da Inquisición; defensa da verdade e a ciencia; crítica aos privilexiados e a monarquía; e, por último, superstición, ignorancia, vellez e castigos violentos... En moitas ocasións, os personaxes aparecen como seres animais e feos, sendo un reflexo da súa propia moralidade.
A seguinte serie sobre os Desastres da Guerra relata as crueldades e miserias producidas pola Guerra da Independencia iniciada en 1808. Pola dureza das imaxes, é a serie máis dramática, a máis intensa, e na que Goya aporta a súa visión sobre esta realidade, obviando o heroico e facendo fincapé nas fatais consecuencias que a violencia trae para o pobo. Os temas son a guerra, a fame e os chamados caprichos enfáticos, cunhas últimas láminas nas que se transmite a súa decepción pola restauración borbónica e a represión despois da guerra.
A serie máis difícil de interpretar son os Disparates, feita entre 1819 e 1823. Nestas estampas, Goya recrea un mundo nocturno e infernal que reflicte o seu pesimismo nos últimos anos da súa vida, unha época escura tras o vivido na guerra, a posguerra e a restauración do reinado absolutista de Fernando VII.
Por último, a serie sobre a Tauromaquia, de entre os anos 1814 e 1816, amosa a orixinalidade das corridas de touros da época, con imaxes de feitos sonados coma a morte do toureiro Pepe Hillo. Nalgunhas ocasións, aporta unha visión admirable do espectáculo e, noutras, a situación cruel do encontro entre home e touro. Todas elas son imaxes con movemento e profundidade, cun punto de vista dende o alto que da a impresión de estar asistindo ao espectáculo.