Foro
Dando un paso máis no panorama da arte galega, a sección de arte contemporánea destaca tamén dentro da colección permanente do Museo de Belas Artes da Coruña.
Estas obras sitúanse nos espazos de acollida do edificio do museo, pensados polo arquitecto Manuel Gallego como un proxecto de futuro e unha forma de implicar aos artistas galegos actuais de recoñecido prestixio.
Así, atopamos exemplos de figuras máis veteranas como Cristino Mallo, Elena Colmeiro, Tomás Barros ou Acisclo Manzano, xunto a pezas doutros colectivos que marcaron os camiños da arte galega durante as décadas dos anos 70 e 80. Entre outros, destaca o Grupo Atlántica, fenómeno artístico que adquiriría protagonismo tanto dentro como fora de Galicia nos primeiros anos 80, e que tiña como obxectivo modernizar a plástica galega sen deixar de entroncala cuns acenos de identidade propios. A este grupo pertencen artistas como o pintor Alberto Datas e os escultores Francisco Leiro, Paco Pestana, Manolo Paz, Silverio Rivas e Mon Vasco, sendo este último fundador de A Galga, colectivo de expresión obxectual coruñés no que participou o escultor Pepe Galán, do que tamén atopamos algunhas obras neste espazo.
A estes exemplos de escultura únense pezas de pintura vinculados á nova figuración, ao informalismo abstracto de Leopoldo Nóvoa e Jorge Cabezas; ou ao hiperrealismo, da man de artistas como Roberto González Fernández ou Jano Muñoz. Por último, unha pequena achega ao fondo de fotografía con obras de Xoan Piñón e Manuel Vilariño.