Pintura e artes decorativas do século XVIII

Na sala 3 do museo é protagonista un dos xéneros máis estimados durante séculos: o retrato. Imaxe de nobreza e dignidade, o retrato constitúe un símbolo de poder de formato variado e con características propias e estilos, dende a sobriedade da corte española dos Austrias, ata a elegancia dos italianos e a grandilocuencia do estilo francés.

A mediados do século XVI, a tipoloxía de retrato cortesán empregábase como un símbolo do poder e para a celebración de importantes feitos, pero tamén era habitual que fosen encargados para enviar a outras cortes nos casos de matrimonios políticos, usos que perdurarán ata o século XVII.

Retratos de medio e gran formato cobren as paredes desta sala, entre os que destacan o retrato da raíña Dona Margarita de Austria, de Juan Pantoja de la Cruz; Fernando de Borbón Parma, do italiano Giuseppe Baldrighi; Mariana de Austria, retratada por Frans Luycks; e María Luisa de Orleáns, na obra do círculo de Pierre Mignard.

Como complemento, en pequeno formato salientan os retratos en miniatura, orixinadas no século XVI en países como Inglaterra e Francia con finalidade diplomática. Esta colección dos séculos XVIII, XIX e inicios do XX, representa as diferentes escolas europeas e o uso das miniaturas dentro do ámbito privado da burguesía, en diferentes soportes como estoxos, medallóns, gardapelo, broches...

Obras nesta sala