O século XX
A sala 6 comeza na década dos anos 30, cando se inicia en Galicia unha arte diferente, coñecida como Movemento Renovador da Arte Galega. Un conxunto de artistas agrupados baixo o nome de “Os Novos” ou “Os Renovadores” conxugan a tradición cultural galega coa modernidade das vangardas europeas.
Carlos Maside, Manuel Colmeiro, Manuel Torres, Arturo Souto, Laxeiro, e Luís Seoane son algúns destes novos artistas autodidactas que viaxan a outros países europeos e reciben formación artística gracias ás bolsas das institucións provinciais e locais, o que fomentou esa renovación da arte galega. Sen embargo, a incorporación das novas tendencias viuse interrompida durante a Guerra Civil, e a maioría dos membros deste grupo abandonaron o país, exiliándose sobre todo en lugares coma Bos Aires, motivando novas experiencias plásticas.
Neste contexto tamén se atopan outros nomes como Álvaro Cebreiro, debuxante, ilustrador e caricaturista coruñés; e autores coma Urbano Lugrís ou Eugenio Granell, que desenvolveron a súa particular visión do surrealismo.
Como resultado dos intentos de renovación e a aproximación á linguaxes internacionais, nos anos 60 e 70 chegan a Galicia experiencias abstractas como o informalismo de Manuel Mampaso, Molezún, Luís Caruncho e Alberto Datas. Doutra banda, formas máis líricas como as de Antonio Lago Rivera, Mª Victoria de la Fuente ou Elena Gago completan a visión da arte en Galicia durante o século XX.