Visitas

RESERVA DE VISITAS ESCOLARES DO CURSO 2025-2026 A PARTIR DO LUNS 8 DE SETEMBRO 

A programación didáctica deseñada especialmente para a comunidade educativa inclúe visitas guiadas e actividades adaptadas ás diferentes etapas, desde Educación Infantil ata Bacharelato. O obxectivo destas propostas é espertar o interese pola arte no alumnado, fomentar o hábito de visitar centros culturais e coñecer de preto as obras de arte, creando unha experiencia enriquecedora e dinámica.

Ler aquí as normas das visitas escolares

Reserva de visitas aquí

Visita dinamizada - 1º Educación Primaria

Como logran as pinturas e esculturas transmitir unha emoción ou capturar un movemento? Nesta proposta aprendemos a ler a linguaxe do corpo nas obras, descubrindo o que cada xesto, cada postura e cada mirada comunica.

Visita dinamizada - 2º Educación Primaria

Como era o mundo antes? Este percorrido achégase ao paso do tempo a través das obras do museo, descubrindo como foron cambiando as formas de vivir ao longo da historia.

Visita dinamizada - 3º Educación Primaria

A arte e a ciencia comparten algo esencial: a curiosidade por observar e interpretar o mundo. Esta proposta conecta a arte coas ciencias naturais, explorando a través de pinturas e esculturas fenómenos como a gravidade, as mareas, os movementos da Terra ou as diferenzas horarias.

Visita dinamizada - 4º Educación Primaria

Detrás de cada cadro hai unha época, unha mirada e unha forma de entender o mundo. Un percorrido polos grandes xéneros da pintura para descubrir como cambiaron as técnicas, os estilos e a linguaxe visual ao longo dos séculos.

Visita dinamizada - 5º-6º Educación Primaria

A través da arte podemos apreciar como se constrúe a identidade dun territorio. Esta proposta percorre a historia e a cultura de Galicia a través das obras do museo, explorando a paisaxe, os oficios tradicionais, a tradición oral e as transformacións sociais que foron definindo o noso territorio e a memoria da xente, onte e hoxe.

Visita dinamizada - 5º-6º Educación Primaria

Esta proposta é unha viaxe pola historia do movemento humano, desde a romanización e os conflitos bélicos ata a emigración galega ou o turismo moderno, descubrindo que cada desprazamento deixou unha pegada nas culturas, nas identidades e nas persoas que o fixeron.