A exposición

“Escoita na túa infancia a hora que branco no recordo azul bordo branco nos seus ollos azulísimos e anaco de índigo de ceo de prata as miradas brancas atravesan cobalto o papel branco que a tinta azul arrastra azulado o seu ultramar descende e o branco goza do repouso azul axitado no verde escuro muro verde que escribe o seu pracer choiva verde claro que nada verde amarelo no esquecemento claro ao bordo do seu pé verde a area terra canción area da terra pola tarde area terra”

Pablo Picasso (1935)

Picasso iniciou a súa formación académica e asumiu a súa condición de artista na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895. El mesmo consideraba que a súa infancia e primeira adolescencia foran cruciais para chegar a ser o que foi. Estes anos foron exhaustivamente estudados na exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, na que se daba a coñecer, desde unha mirada diacrónica, toda a súa produción coruñesa.

Picasso, branco no recordo azul analiza o carácter iniciático dos seus fundamentos estéticos no período coruñés e como estes trascenderon ao futuro. Afondarase nos temas e as súas variables iconográficas, os conceptos ou a dimensión das súas ideas e as súas precoces experiencias coa linguaxe visual.

Nesta exposición, póñense de manifesto as débedas que o prolífico creador ten con aquel período que xamais esquecería, talvez a única etapa formativa na que se sentiu feliz, fortalecido por un sentimento de liberdade e confianza en si mesmo. Ronald Penrose afirma que na Coruña xa "triunfara en relación ao seu pai e aos catorce anos estaba seguro das súas facultades e do seu criterio". Nos anos que viviu aquí foi descubrindo a cidade experimentando a través do debuxo: captou as rúas, os monumentos, as praias, os montes e as personaxes que supuxeron a orixe do futuro artista que acabaría por definir o século estético máis convulso, o Século de Picasso.

O título da exposición está extraído dun dos seus poemas, cuxos versos aluden ás cores azul e branca, que evocan unha marcada identidade coruñesa desde mediados do século XIX e que o propio Picasso chegou a identificar coa cidade na que viviu e se formou como artista. Estas cores danlle nome tamén ao seu primeiro xornal Azul y Blanco (1893).

A exposición estrutúrase en dez capítulos que obedecen a referencias de orde temática, conceptual ou de linguaxe. A súa xénese é rastrexable neste período de coruñés de formación, entre 1891 e 1895, e que haberán de permanecer, como peculiar xerme identitario no sinuoso proxecto que explicaría todo Picasso. 

  1. Academia e clasicismo / O fauno e o home do cordeiro.
  2. Realismos, paisaxe e etnografía.
  3. Poéticas de autoafirmación: retrato e autorretrato.
  4. Caricatura e nacemento da conciencia crítica.
  5. Picasso escribe.
  6. A arte nunca é casta / Erotismo.
  7. Cubismos.
  8. Grandes mestres.
  9. Mosqueteiros.
  10. O pintor e o seu modelo.