Biografía

Pablo Ruiz Picasso era un neno de 9 anos cando chegou a A Coruña, en 1891, cidade na que pasaría tres anos e medio, un período corto pero decisivo na súa vida.

O seu pai, José Ruiz Blasco (1838-1913), acababa de obter unha praza de profesor na recén aberta Escola de Belas Artes da Coruña, polo que a familia ao completo (a súa esposa María e os seus fillos Pablo, Lola e Conchita) trasládanse á cidade. Pablo era o maior dos irmáns, e xa amosaba habilidades para o debuxo e a pintura. 

A familia instalouse no número 14 da rúa Paio Gómez. Daquela a zona aínda contaba con poucos edificios, e fronte á vivenda dos Ruiz Picasso estaba o chalet do doutor Ramón Pérez Costales, amigo da familia e personaxe recoñecido na cidade, xa que fora ministro na Primeira República e tamén atendía ás persoas máis desfavorecidas.

Para o novo Pablo, o traslado ata Coruña supuxo unha liberación, lonxe da tutela das súas tía e da súa avoa, coas que convivían na súa Málaga natal. Na Coruña divírtese xogando na praza de Pontevedra (moi preto da súa casa), na praia de Riazor ou no monte de Santa Margarita.

O mesmo ano da súa chegada, Pablo matricúlase no Instituto Provincial de Segunda Ensinanza. Mal estudante, na clase entretíase debuxando nos libros de texto, e as súas notas foron mediocres.

Ao ano seguinte, matricúlase tamén na Escola de Belas Artes, que se atopaba no mesmo edificio que o instituto. Alí tivo diferentes maestros: seu pai, José Ruiz Blasco; Isidoro Brocos ou Román Navarro. Sen dúbida, as súas calificacións foron moito mellores que nas materias do instituto.

De esta época consérvanse moitas pezas académicas realizadas polo novo artista, copias de láminas e outras realizadas a partir de modelos de xeso que aínda se conservan na escola.

En canto aos pais de Picasso, apoiaron en todo momento a súa vocación artística: regaláronlle álbums de debuxo, matriculárono en Belas Artes, e Ruiz Blasco buscaba a súa colaboración para rematar os seus propios cadros.

Na Coruña, Picasso comezou a salir a pintar do natural, deixando constancia de todo o que o rodeaba, coma a Torre de Hércules, o mar do Orzán, o monte de Santa Margarita, entre outros lugares da cidade á que lle dedicou unhas revistillas tituladas Azul y Blanco y La Coruña, onde recollía anécdotas e sucesos locais. 

Tamén nesta cidade comezou a facer retratos: desde os membros da súa familia ata o seu can, Clíper; pero tamén retratou a Pérez Costales e ao seu fillo, Modesto Castilla, a mendigos, e a si mesmo.

Un dos sucesos máis importantes que viviu Pablo nesta cidade foi a perda da súa irmá pequena, Conchita. Enferma de difteria, faleceu en xaneiro de 1895. Este golpe tan duro para a familia motivou, xunto a outros motivos, a marcha da familia Ruiz Picasso da cidade, en abril de 1895.

Antes de abandoar a cidade, no mes de febreiro de 1895, tivo lugar a primeira exposición individual de Picasso, no número 20 da Rúa Real. Unha mostra nunha tenda de mobles, que contou con moi boas críticas en La Voz de Galicia e El Diario de Galicia. Tamén houbo unha segunda exposición, en marzo de 1895 no número 54 da rúa Real.


Picasso nunca regresou a Coruña, pero a cidade permanecería sempre nas súas lembranzas. Moitos anos despois, gardaba postais con vistas da cidade e sempre conservou algunhas das pinturas feitas na cidade herculina, coma unha vista do monte Santa Margarita, e dous dos seus óleos máis recoñecidos desta primeira etapa: La muchacha de los pies descalzos ou El hombre de la gorra, que conservou durante toda a súa vida.