Picasso e A Coruña

Vista da Coruña 1891

Vista da Coruña 1891, A. Ferrant Fischermans. Museo de Belas Artes da Coruña

O adolescente Picasso preludia no entón marco costumista da súa terra de acollida, un modelo de realismo antiacadémico, que aínda que toca, en ocasións, iconografías de sabor etnográfico, rompe coa obxectividade destas desde a súa intuición lingüística coa interpretación gestual que fai da realidade.

E na Coruña descobre, da mesma maneira, o seu amor polos animais e a súa representación. Clíper, o seu can coruñés, visto como un ser humano, sería a síntese dese amor, que se prolongou toda a súa vida, pero tamén atopamos representacións de cabalos nas que, seguramente, tivo que ver o seu mestre Román Navarro, con querenza pictórica polo equino. O mesmo sucede coa afección taurina e a súa paixón polas pombas. Afección e paixón nadas nos anos infantís de Málaga, pero reforzadas na Coruña, cidade na que empeza a elevar ao touro e ao toureiro a unha condición case mitológica.

E na súa lembrada cidade, á que sempre desexou volver, como lle dicía ao seu amigo vilalbés Antonio D. Olano, e xa nunca volvería, naceu o artista versátil e inquedo, o individuo que sentiu curiosidade por todo e o que quixo aprender todas as técnicas, o apropiacionista que tratará de dotar de identidade ás imaxes que produciron os outros. De alí sairá cun pleno dominio das técnicas de representación: carbón, lapis, pluma, acuarela, óleo… e nos soportes máis imprevisibles, desde o papel dun bloc á folla dun libro de texto, desde a tapa dunha caixa de puros a un
lenzo, desde unha tablita atopada nos desperdicios á pel dunha pandeireta, desde un prato a un abanico ou unha paleta…

Palau i Fabre —que falaba, en parte, por boca do propio artista— recoñecía que, durante o último ano da súa estancia en terras galegas, Picasso recoñeceuse home e recoñeceuse pintor.